O 061 oculta datos no informe sobre a supresión do sistema de desinfección covid e a necesidade dunha ambulancia máis no Morrazo

Así o denuncia a FGAMT-CIG tras analizar o documento remitido ao Concello de Cangas

A FGAMT-CIG acusa a Fundación 061 de ocultar datos de xeito deliberado no informe remitido ao Concello de Cangas para xustificar a supresión do sistema de desinfección covid na localidade e para rexeitar a necesidade dunha ambulancia máis no Morrazo.

A respecto da desinfección covid en Cangas, no informe indícase que en Vigo disponse de persoal de reforzo para axilizar a desinfección, “dato que é absolutamente falso, posto que hoxe mesmo as ambulancias do Morrazo agardaban para desinfectar con até tres vehículos en cola”. Ademais, só contan con tres máquinas para 10 ambulancias, “por non falar de que a dotación da ambulancia é a que se encarga destas tarefas sen axuda externa de ningún tipo”.

No que ten que ver coa necesidade dunha nova ambulancia na comarca, na central sinalan que o 061 manipula os datos ocultando as cifras dos anos anteriores ao 2019. “Non se pode estudar o aumento da demanda asistencial comparando o 2019 co 2020 cando estamos coas mesmas ambulancias durante máis dunha década e se trata dun problema que vén de lonxe; compárase co 2020, un ano cun notable descenso no turismo e cun confinamento da poboación, no que non houbo actividade relacionada coa industria e cos accidentes de tráfico”.

Ao mesmo tempo, indican que segundo os datos remitidos polo 061 pódese comprobar que todas as ambulancias do Morrazo descenderon no numero de servizo agás a de Cangas. “No informe evítase intencionadamente falar de canto se tarda en chegar ao lugar da emerxencia, que é o verdadeiro problema. Dende o inicio da pandemia tárdase o triplo en que as ambulancias volvan a quedar libres, xa que se fai máis lento e hai que desinfectar ao rematar”.

No propio informe queda claro que cada vez máis as ambulancias con base nos diferentes concellos teñen que atender emerxencias dende localidades limítrofes, o que aumenta o tempo de asistencia. “A necesidade de atención urxente en Cangas chegou incluso a necesitar da activación de ambulancias dende Vigo, Marín e mesmo Redondela”.

Por todo isto, a CIG considera que a necesidade dunha ambulancia máis para o Morrazo “está máis que evidenciada”, ao igual que a necesidade dun sistema de desinfección en Cangas para non facer colas, o que supón un atraso evidente da operatividade das ambulancias. “O 061 minte sobre as desinfeccións e oculta datos para negar o reforzo da asistencia sanitaria”, critican.

Finalmente, denuncian que o persoal sanitario das ambulancias do 061 non foi sometido a probas PCR, “nin a ningunha con validez diagnóstica para a pronta detección da infección co obxectivo de evitar contaxios e non causar baixas, así como para evitar contaxiar ás persoas usuarias”.

Por iso din non entender que ao persoal sanitario que depende do Sergas e que está en contacto con pacientes covid (Urxencias, UCI e plantas con doentes covid ingresados/as), ou mesmo ao de centros sociosanitarios de xestión privada, se lles fagan estas probas cada 7/15 días e ao persoal do 061 non se lle realicen. “Durante a pandemia tan só se lles realizaron dúas probas de anticorpos como ao resto da poboación”, rematan.

Nado en Vigo hai 38 anos. Fotógrafo, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

SIGUENOS EN TELEGRAM