O 100% do persoal das cafeterías do hospital Clínico secunda o paro na primeira xornada de folga

A CIG-Servizos exixe que Aramark, o CHUS e o SERGAS freen o acoso laboral
Publicado por o día 05/11/2018 na sección de CIG,Protestas,Sanidad,Sindicatos

O 100% do persoal das cafeterías do hospital Clínico secunda o paro na primeira xornada de folga

As cafeterías do hospital  clínico permaneceron este luns pechadas na primeira xornada de folga convocada pola CIG-Servizos para denunciar o acoso laboral, exixir medidas para previlo, demandar a inmediata retirada das cámaras de vixilancia e máis persoal para que se reduza a carga de traballo. Coincidindo co paro, que foi secundado polo 100% das traballadoras e traballadores, o persoal concentrouse diante da entrada principal do hospital para denunciar que “Aramark (é) culpable e o Sergas, responsable”.

O representante da CIG-Servizos, Aitor Sebio, sinala que tanto a empresa concesionaria, Aramark, como o seu xerente, veñen de ser condenados por acoso laboral contra unha traballadora, que é ademais a presidenta do comité de empresa.

Denuncia que, porén, nin a empresa, nin a Xerencia do CHUS, nin o SERGAS adoptaron medida algunha contra o seu responsábel, mentres que a traballadora afectada “continúa sen poder asistir ao traballo por medo ás represalias”.

Cámaras ocultas para vixiar ao persoal

Sebio denuncia ademais que a empresa se nega a dar a documentación que ten obriga de entregar ao Comité e continúa vixiando ao persoal con cámaras, despois de terse comprobado que tiña mesmo cámaras ocultas. “Non respecta os acordos de contratación de persoal, tendo moito menos que o necesario para atender o servizo, o que provoca grandes colas e esperas ás usuarias e usuario”.

Xunto a isto, a CIG-Servizos denuncia que o persoal do servizo soporta unha carga de traballo, tanto física como mental, excesiva. Por iso exixe un cambio inmediato e definitivo na Xerencia de ARAMARK, no servizo de Cafetaría-Restaurante do CHUS, ademais dun cambio radical na súa política de relacións laborais, con respecto ao Comité de Empresa e os seus membros.

Demanda tamén a inmediata retirada inmediata das cámaras de vixilancia nas cafeterías e medidas reais e eficaces para a prevención de riscos laborais, en concreto para previr o acoso no traballo, e para reducir a carga de traballo excesiva. Isto xunto coa exixencia de que se incorpore máis persoal, respectando os acordos de preferencia, sobre todo daqueles compañeiros/as que levan moito tempo con contratos temporais.

As traballadoras e traballadores volverán á folga os vindeiros día 7 e 9 de novembro.