O 112 Galicia rexistrou nas últimas horas un total de catro incendios en chemineas.
Os sinistros, que finalizaron sen feridos, producíronse nas localidades de Sarria, Coristanco, Melide e Monforte de Lemos.
Nun intervalo de cinco horas, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia recibiu catro chamadas que se se converteron en catro intervencións dos servizos de emerxencias por causa de incendios en chemineas. O primeiro ocorreu en Sarria, ás 18 horas, nun antigo mesón. Por fortuna, ninguén resultou ferido e os únicos danos cinguíronse á feluxe acumulada no interior do tiro.
Un pouco máis tarde, ás 21 horas, outra alerta de incendio saltou no 112 Galicia, neste caso, no concello coruñés de Coristanco. Os motivos, coma en Sarria, unha cheminea que ardía no interior dunha vivenda da parroquia de Oca. Tampouco neste caso houbo que lamentar nin vítimas nin máis danos que os restos que se acumulan dentro da cheminea.
Ás 22:30 producíase a terceira chamada por incendio en cheminea procedente de Melide. O fume negro e mesmo certo ruído puxo en alerta aos ocupantes dunha vivenda da Rúa Progreso, que rapidamente pediron axuda. Acudiron os Bombeiros de Arzúa e, como nos casos anteriores, confirmaron que o incendio ocorrera pola feluxe no interior do conduto.
Por último, desde Monforte, cando ían dar as once da noite, recibiuse no 112 Galicia a última chamada do día por incendio en chemineas. Tampouco aí houbo que lamentar danos persoais e, por fortuna, nada se viu afectado máis ca feluxe do interior.
Co fin de evitar este tipo de situacións, cómpre facer un bo mantemento das chemineas, pois a acumulación de restos no conduto pode provocar non só incendios, senón tamén roturas. Ademais, unha boa limpeza diminúe o consumo e a contaminación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.