O 112 Galicia contabiliza máis de 200 incidencias ocasionadas pola borrasca Karine

Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Sucesos

O 112 Galicia contabiliza máis de 200 incidencias ocasionadas pola borrasca Karine

A borrasca Karine deixou máis de 200 incidencias ao seu paso pola Comunidade galega.

Nas últimas doce horas, o 112 Galicia xestionou maioritariamente intervencións relacionadas coa caída de árbores e o desprazamento de obxectos ás vías.

Así, o efecto do vento está a causar problemas nas estradas debido á caída de vexetación, restos de pedras e terra e partes do mobiliario urbano que poden sorprender aos condutores.

En cifras, o maior número de incidencias rexistradas no 112 Galicia ten que ver con árbores e pólas, polo que atendéronse 170 chamadas motivadas por esta situación e para o que se necesitou a intervención dos distintos equipos de salvamento, así como de limpeza e mantemento de estradas.

Igualmente, destacan as incidencias ocasionadas por obxectos e mobiliario urbano desprazados ás vías, que sumaron máis dunha trintena de intervencións dos servizos de emerxencias; e anegamentos puntuais en vivendas, baixos e garaxes sen que se rexistrasen feridos.

Do mesmo xeito, cómpre sinalar a actividade dos efectivos de emerxencias que, nunha ducia de casos, permitiu reducir o nivel de risco ante estruturas e elementos inestables, como poden ser fiestras, persianas, cables, postes, etc.

En definitiva, desde as oito da tarde de onte ata as oito desta mañá, o 112 Galicia contabilizou un total de 266 incidencias, das cales 170 estiveron motivadas pola caída de árbores e máis de 30 por obxectos que se desprazaron ás vías. En menor medida, producíronse anegamentos en rúas, vivendas, baixos e garaxes (sete intervencións) sen que esta situación provocase dano algún ás persoas.

En xeral, as catro provincias galegas sentiron os efectos de Karine, aínda que destacan o número de intervencións rexistradas en Vigo, Ponteareas, Moaña ou Salceda de Caselas, en Pontevedra; Ramirás ou San Cibrao en Ourense, Lugo capital ou Portomarín e Betanzos, Brión, Teo ou Santiago na Coruña.