O 112 Galicia pechou o 2018 con 970.000 chamadas atendidas e 230.000 incidencias xestionadas

En resumo, foi un ano marcado por grandes emerxencias nas que destacan a explosión de Tui e o derrubamento dunha plataforma durante a celebración do Festival do Marisquiño en Vigo, entre outros

Ao peche do exercicio, o servizo galego de atención e xestión de chamadas de emerxencia atendeu case 970.000 chamadas e fixo fronte a un total de 230.000 incidencias. Estas incidencias implicaron a mobilización de recursos –bombeiros, grupos de intervención, voluntarios de Protección Civil, axentes de seguridade, profesionais sanitarios e persoal de mantemento e limpeza de estradas- ata en 390.000 ocasións.

A maior parte das 230.000 incidencias xestionadas en 2018, un 31 por cento, estiveron relacionadas coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, rescates e accións de Protección Civil; seguidas da asistencia sanitaria, un 30 por cento; avisos por animais soltos que supuñan un perigo para a circulación e formación de niños de avespas, un 16 por cento; seguridade cidadá, un 13,5 por cento; e accidentes en estradas, un 9,5 por cento.

O labor preventivo e divulgativo desenvólvese tamén mediante a realización de simulacros, nos que participa a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112, e cos que se pretende mellorar a capacidade de resposta ante unha situación extrema. Do mesmo modo, con este tipo de accións quérese familiarizar aos cidadáns cos sistemas de aviso e as medidas de autoprotección que é necesario adoptar en caso de producirse unha emerxencia grave ou catástrofe. Así, en 2018, o 112 colaborou nun total de 214 simulacros, dos cales a maioría realizáronse na provincia da Coruña (137), seguidos de Pontevedra (49), Ourense (18) e Lugo (10).

Boa parte deles, tiveron lugar en complexos industriais, grandes infraestruturas, como poden ser túneles de estradas e rede ferroviaria, colexios, organismos públicos, etc.

Por provincias, A Coruña aglutinou a maior porcentaxe cun 38,5 por cento, despois Pontevedra cun 36 por cento, Ourense cun 12,5 por cento e Lugo cun 12 por cento.

Un ano marcado por grandes emerxencias

Foi un ano marcado por importantes emerxencias como a explosión de Tui, o derrubamento dunha plataforma durante a celebración do Festival do Marisquiño en Vigo, o incendio dun catamarán nas inmediacións do Grove, a situación dúas provocada por un lume forestal en Mondariz e a extinción de dous incendios industriais na localidade do Porriño, entre outros.

Mais dun millón de consultas á páxina web

Igualmente, destaca o 1,2 millóns de consultas realizadas á páxina www.axega112.org, onde se ofrece información sobre as incidencias máis importantes xestionadas no día, as alertas meteorolóxicas activadas, consellos e recomendacións á poboación para minimizar os riscos provocados por estas situacións, gráficos para a observar da actividade do CIAE 112 Galicia e outras novas de interese.

En concreto, a información relacionada coa activación de alerta meteorolóxicas tamén se envía desde o 112 Galicia a organismos públicos e entidades privadas que pola súa actividade poidan verse afectadas e para que adopten as medidas de protección oportunas. Estas comunicacións adóitanse a realizar mediante SMS e e-mail, polo que, en 2018, estes envíos ascenderon a 187.000 no primeiro caso e case 60.000 no segundo. Tamén, nalgúns casos, empregouse o FAX (máis de 9.000 envíos).

Preto de 600 persoas visitaron o CIAE

Preto de 600 persoas visitaron as instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia situadas no recinto da Academia de Seguridade Pública da Estrada en 2018. Desde escolares a colectivos sociais e profesionais, estudantes de especialidades e formación específica, así como membros de organismos públicos da Comunidade e de Portugal, efectivos do Exército e delegacións doutros 112 europeos desprazáronse ao longo do ano pasado á localidade pontevedresa para coñecer a capacidade de resposta e o funcionamento da plataforma galega de xestión das chamadas de urxencia.

Neste senso, cúmprese o obxectivo de achegar o servizo á cidadanía mediante unha visión integral do modelo de xestión e atención e refórzase o traballo divulgativo e de prevención que se realiza desde este servizo para promover o uso responsable do número único 112  desde as idades máis temperás ás máis lonxevas.

Incluso, en moitos dos casos, a visita permitiu aos participantes completar a súa formación específica sobre a atención das emerxencias e de accidentes con múltiples vítimas, entre outras especialidades neste eido.

Tamén, estas accións resultaron de moita utilidade á hora de optimizar o traballo con outros organismos autonómicos cos que o 112 mantén un contacto permanente e necesario, como é o caso da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) ou do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM