O 16 de setembro comeza o reparto dos composteiros individuais en Tomeza

Esta mañá celebrouse unha reunión no Concello coas empresas implicadas (adxudicataria dos composteiros, repartidora e asesora) máis os mestres composteiros e os concelleiro Raimundo González e Alberto Oubiña para concretar a data.
Publicado por o día 04/09/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

O 16 de setembro comeza o reparto dos composteiros individuais en Tomeza

O Concello de Pontevedra iniciará o reparto dos composteiros individuais na parroquia de Tomeza o vindeiro 16 de setembro e será polas vivendas que xa o solicitaron, unhas 100. Así o acordaron esta mañá o Concello de Pontevedra coas empresas que participarán neste complexo dispositivo logo dunha reunión na que participaron os concelleiros Raimundo González e Alberto Oubiña, responsables da xestión de residuos e coordinador do rural respectivamente, os mestres composteiros do Concello, a empresa que realizará o asesoramento, seguimento e avaliación da compostaxe na parroquia (Fruga), a empresa adxudicataria do contrato de subministro dos composteiros individuais (Alkienvas) e a empresa encargada do reparto en domicilio (MRW) contratada por Alkienvas para facer este traballo.

Na reunión acordouse que o reparto efectivo dos composteiros comezará o luns, 16 de setembro, xa que durante o mes de agosto a empresa subministradora estivo pechada e non puido preparalos, polo que houbo que retrasar uns días a súa entrega. O concelleiro responsable da xestión de residuos, Raimundo González, explicou que no Concello se recibiu agradablemente a expectativa que está a levantar este reparto na parroquia, xa que das 354 vivendas susceptibles de recibir un composteiro, arredor de 100 xa se teñen dirixido ao Concello solicitando un para o seu domicilio.

O proceso está pensado para que os veciños e veciñas soliciten formalmente o composteiro na visita que a empresa subministradora e a Fruga lles farán aos seus domicilios para entregarlles o composteiro, momento no que asinarán a solicitude. De todos os xeitos, poden empregar as vías que consideren oportunas para demandar o composteiro: a través de mestres composteiros, reunións, do Rexistro Xeral… Raimundo González destacou que a entrega dos composteiros individuais é un proceso complexo debido a todos os actores que interveñen, pero a partir do 16 de setembro comezarase a traballar a ritmo, para poder seguir, canto antes, noutra parroquia.

Comentar noticia

Your email address will not be published.