O 7 de xaneiro publicarase a selección de adxudicatarios das promocións de Ferrería 8 e Cruz Verde 8

A entidade adquiriu xa 80 dos máis de 230 inmobles en mal estado de conservación, con alugueiros de entre 5-7 euros ao mes por m2, fronte aos 1.500 euros de venda
Por o 30/12/2018 | Sección: Galicia,Vigo
O 7 de xaneiro publicarase a selección de adxudicatarios das promocións de Ferrería 8 e Cruz Verde 8

O vindeiro 7 de xaneiro publicarase a selección de adxudicatarios das promocións que o ente rehabilitador está a piques de rematar e que se corresponden coas rúas de Cruz Verde 8 e Ferrería 8.

Estas construcións responden á demanda de vivendas de maior superficie, tal e como adiantara o presidente do CCVV, que hoxe volveu a facer fincapé en que o obxectivo é “facilitar a incorporación de familias ao casco vello vigués”. Cunha inversión conxunta superior aos 370.000 euros, superan os 110 metros cadrados distribuídos en tres plantas e atópanse na fase final da súa construción, de modo que a adxudicación poderá ser efectiva no primeiro trimestre do 2019.

O proceso de adxudicación destas dúas promocións, recolle como prezos propostos de venda 200.000 euros no caso de Ferrería 8 e de 212.225,60 no de Cruz Verde 8.

Segundo detallou López-Chaves, nunha visita este venres á edificación de Cruz Verde 8 permitiu a creación dunha vivenda unifamiliar de tres dormitorios distribuída en planta baixa e tres pisos, que conta tamén cun pequeno patio posterior cara ao que se orientan as zonas de servizo. A planta baixa é unha área de apoio para a vivenda e alberga, ademais do espazo propio para o recibidor e o oco da escaleira, un despacho e un pequeno almacén. Trátase da segunda promoción do CCVV nesta rúa.

En canto a Ferrería 8, distribúese en planta semisoto, planta primeira e planta segunda baixo cuberta. Consta de dous dormitorios, de aproximadamente 11 e 15 metros cadrados, dous aseos, un baño, un estudio e un lavadoiro. A superficie construída total é de 178,84 metros cadrados, dos cales 111,35 son útiles. O edificio ten tres fachadas,

abertas ás rúas Ferrería e Baixada á Herba e supón o sétimo dos inmobles rehabilitados polo ente nesta rúa.

Recuperación da fachada marítima

O representante autonómico recordou que a recuperación da fachada marítima do barrio histórico concentra agora o maior esforzo inversor do organismo como proba a adquisición de Ribeira do Berbés 29, a maior operación de compra realizada no 2018 (445.000 euros) e coa que se elevan a oito as edificacións en propiedade do Consorcio. Súmase así a Berbés 11,13 e 15, cedidos á Universidade de Vigo para a construción da súa sede; Berbés 5, en réxime de cesión á Axencia Galega de Turismo para a súa conversión en albergue de peregrinos, e Berbés 7 e 41.

López-Chaves, quen exemplificou no traballo do Consorcio Casco Vello de Vigo, participado nun 90 por cento pola Xunta de Galicia e nun 10 polo Concello, a política de rehabilitación que promove a Xunta nos cascos históricos das vilas e cidades galegas, cifrou en máis de 40 millóns de euros o investimento na rehabilitación do barrio histórico vigués. Grazas a estes investimentos, o ente xa adquiriu case 80 inmobles -dos 232 catalogados en estado deficiente- e máis de 60 xa se rehabilitaron ou estase a traballar neles.

En resumo, grazas aos edificios xa rehabilitados obtivéronse 32 locais comerciais, cos que se pretende dinamizar a vida económica desta zona de Vigo, e 105 vivendas protexidas polo que o prezo das mesmas, tanto en réxime de alugueiro como de compra, son limitados. Os inquilinos abonan entre 5 e 7 euros ao mes por m2; cando o prezo de venda parte dos 1.550 por m2 e ata un máximo de 1.773.

Vía da expropiación

López-Chaves volveu a aproveitar a ocasión para reclamarlle ao goberno local que incremente a súa aportación, por riba do 10 por cento actual. “Maiores recursos permitiríanos maiores inversións”, dixo. “Se o Concello investise non máis, senón unha cantidade igual á que achega a Xunta de Galicia, teríamos o dobre de recursos”, engadiu. Asemade, incidiu no feito de que aínda non se activase a vía da expropiación, xa que suporía un importante empuxe para o Consorcio.

Neste senso, o presidente CCVV e delegado da Xunta aludiu ao acordo de maio do 2017, que comprometía ao goberno local a recorrer á vía da expropiación no caso daquelas edificacións que, por distintos motivos, non poden ser adquiridas polo procedemento habitual. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11, “paralizadas pola resistencia do Concello de Vigo a aplicar a devandita fórmula”, subliñou.

Comentar noticia

Your email address will not be published.