O 73% dos beneficiarios das axudas da xunta á redución de xornada para fomentar a corresponsabilidade son homes na provincia de Ourense

Concedéronse un total de 15 axudas por importe de case 30.000 euros
Publicado por o día 10/12/2018 na sección de Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

O 73% dos beneficiarios das axudas da xunta á redución de xornada para fomentar a corresponsabilidade son homes na provincia de Ourense

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas da Secretaría Xeral da Igualdade destinadas aos homes traballadores e familias monoparentais que se acolleron á redución da xornada de traballo para o coidado dos seus fillos e fillas.

Na provincia de Ourense concedéronse un total de 15 axudas, que supón o 5,4% das concedidas a nivel Galicia, ás que se destinan un investimento de 28.610 euros. Do total dos apoios, o 73,3 % (11) corresponden a axudas solicitadas por homes, mentres que o resto dos beneficiarios son familias monoparentais.

Esta Orde de axudas ten como obxectivo fomentar a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade entre homes e mulleres e se favorece, así, a desaparición dos estereotipos en torno ao coidados dos menores e do fogar. O orzamento para este ano ascendeu a un total de 554.000 euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo. En canto a contía das axudas individuais, determínase tendo en conta a porcentaxe da redución da xornada e a súa duración, e o número de fillas e fillos menores de 12 anos a cargo da persoa solicitante, de xeito que oscilan entre a mínima de 1.700 e a máxima de 3.700 euros.

As persoas traballadoras que resultaron beneficiarias destas axudas teñen de prazo ata o vindeiro día 26 de decembro para presentar a documentación xustificativa necesaria para proceder ao pagamento da subvención.

Estes apoios inscríbense na aposta da Xunta por avanzar cara a unha sociedade na que a igualdade entre homes e mulleres sexa real e efectiva, un camiño no que xa se ten avanzando nos últimos anos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.