O 77% da madeira queimada subastada en montes con convenio da Zona Demarcada polo Nematodo quedou deserta

A Asociación Forestal de Galicia solicitou reunións coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e con tódolos grupos parlamentarios para abordar o conxunto de preocupacións dos propietarios forestais galegos
Por o 14/03/2018 | Sección: Medio Ambiente
O 77% da madeira queimada subastada en montes con convenio da Zona Demarcada polo Nematodo quedou deserta

A Asociación Forestal de Galicia segue con preocupación a evolución das poxas de madeira queimada en montes con convenio. Case cinco meses despois da vaga de lumes do 14 e 15 de outubro do 2017, un 62% da superficie dos lotes con madeira queimada da provincia de Pontevedra que saíron a subasta quedaron desertos. A situación agrávase na Zona Demarcada (ZD) polo Nematodo, onde o 77% da madeira quedou sen adxudicar, cando esa madeira en ZD tería que estar retirada do monte a 31 de marzo.

Os retrasos na saca de madeira dos montes con convenio está a provocar unha grave depreciación da madeira. Medio Rural sacou a pasada semana unha poxa dos lotes desertos en Pontevedra cunha baixada do prezo base de ata o 50%. As poxas desertas e a depreciación están a provocar unha situación moi grave para as comunidades de montes afectadas polos lumes, que ven como perden posibles fondos para encarar a recuperación do monte.

En vista da situación, a Asociación Forestal de Galicia solicitou esta semana reunións coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e con tódolos grupos parlamentarios (PP, En Marea, PsdeG-Psoe e Bng). O obxectivo é abordar nestes encontros o conxunto de preocupacións dos propietarios forestais galegos.

Situación de contexto
Entre o 14 e 15 de outubro do 2017, unha serie de incendios calcinaron unha ampla superficie forestal de Galicia. Entre esa superficie, contábanse numerosas hectáreas xestionadas pola Administración forestal en base ós convenios que ten en vigor coas comunidades de montes propietarias.

En varias reunións mantidas tras os lumes coa Administración forestal, a Asociación Forestal de Galicia solicitoulle que se paralizasen todas as cortas de madeira sen queimar planificadas nos montes en convenio co obxectivo de que ese volume de madeira adicional non afectase negativamente sobre o prezo de mercado da madeira queimada.

Ademais, a Asociación recalcou nestas reunións a importancia de acelerar o máximo posible a celebración das poxas e que, na zona afectada polas limitacións á xestión derivadas da presenza do nematodo en Galicia (Zona Demarcada), se habilitaran procedementos excepcionais para o aproveitamento desa madeira, mesmo permitindo

a venda da mesma por parte da propiedade, tendo en conta que a 31 de marzo do 2018 debería estar toda esa madeira retirada do monte. Esa é a data na que se estima que comeza o período de voo do insecto vector da praga, que é especialmente activo en árbores decaídas, como as queimadas.

Escenario actual
As poxas de madeira queimada en montes con convenio comezaron a convocarse a finais do 2017, pero a primeira poxa non se celebrou ata o 14 de febreiro do 2018, catro meses despois dos lumes. Este retraso na celebración das poxas provocou que unha gran parte dos lotes de madeira queimada que saíron a subasta quedaran desertos. De feito, dos lotes de madeira queimada que non contiñan eucalipto na provincia de Pontevedra só se adxudicou 1 lote, quedando os restantes 13 desertos.

Puido ter influencia nesta escasa capacidade de colocar os lotes de madeira de coníferas o feito de que, de xeito simultáneo, se sacasen ó mercado máis de 11.000 metros cúbicos de madeira non queimada de coníferas en montes con convenio. Toda esa madeira verde, de cortas de rexeneración, adxudicouse, en tanto só se colocou un 7% dos lotes de piñeiro afectado polos lumes. A falta de previsión de que isto podería suceder provocará unha perda económica irreparable para as comunidades propietarias, pois a maioría dos lotes queimados están volvendo a saír a subasta a prezos moi baixos e mesmo é posible que algún non se chegue a comercializar.

Na Zona Demarcada do Nematodo, a situación é peor que no resto da provincia, pois quedaron sen adxudicar tódolos lotes que tiñan só coníferas (22.000 metros cúbicos de madeira) e só se colocaron 7 dos 29 lotes que saíron a poxa. Dos 47.588 metros cúbicos de madeira queimada, adxudicáronse só 10.982 metros cúbicos, un 23% do total, en tanto o 77% da madeira quedou sen comprador.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.