O abandono e especulación do espazo da antiga horta do convento de San Francisco do Berbés

Publicado por o día 23/10/2018 na sección de Galicia,Vigo

O abandono e especulación do espazo da antiga horta do convento de San Francisco do Berbés

A Horta do Berbés somos un colectivo de persoas que dende o outono de 2011 rexenera e cultiva un espazo verde de máis de 10.000 m2 no interior do Casco Vello de Vigo: conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural no ano 2006: no impropiamente chamado ámbito Barrio do Cura.

O “Barrio do Cura” (unha pequena barriada popular de finais do S XIX), só é unha pequena parte do “Ambito urbanístico Barrio do Cura”, unha parte moi importante do conxunto histórico que o
Concello pretende destruir e reurbanizar case por completo. O espazo do “Ambito Barrio do Cura” en realidade son os restos da “Antiga Horta do Convento de San Francisco do Berbés”, que anteriormente era unha granxa agricola do Mosteiro de Melón: un Patrimonio singular e complexo; en boa parte un Patrimonio Histórico Verde, testemuña do pasado agrícola vigués, pero tamén con elementos construidos de diferente tipo e épocas: barriadas populares do s. XVIII (Santa Marta) e do XIX (Barrio do Cura), casas vilegas de finais do s XIX (nº 82 da r/ Poboadores) e de principios do XX (a mágnifica garderia municipal) ou edificios de vivendas da época dourada da canteria viguesa (historicismo e eclecticismo, na r/ Llorente e Pi y Margall), asi como edificios
dotacionais do s. XIX (o Asilo e o Fogar San José) e do XX (a Residencia dos Pais Franciscanos), ou a antiquisimas fonte e lavadoiro da Barroca.

Despois de anos de abandono dos propietarios (daquela Valery Karpin S.L. e agora Barrio do Cura desarrollo SL) e o desleixe das administracións nos seus deberes de seguridade e hixiene pública, mantemento dos equipamentos urbáns e espazos públicos (limpeza, iluminación, papeleiras, pavimentos,…), protección e conservación do noso patrimonio cultural,; no Outono de 2011 un grupo de veciños/as e activistas sociais decidimos okupar as parcelas rústicas, limpalas de maleza e residuos urbanos, e comezar a practicar unha agricultura ecolóxica, asi como divulgar o espazo e os seus valores históricos con xornadas de portas abertas, festas, concertos, roteiros, charlas,…para activala cidadanía na defensa do noso patrimonio e pola creación dun novo espazo público e verde: o Xardín do Berbés.

Hoxe mandamos esta nota de prensa para informar a cidadanía do noso traballo e avances no ámbito institucional, así como para reclamar un cambio político para pausar e replantarse o demoledor e brutal proxecto que o Concello está a promover neste valioso espazo verde e histórico.

Manifesto

A Horta Colectiva do Berbés fai un chamamento á sociedade viguesa e a toda a cidadanía galega e universal.

Precisamos da vosa colaboración e axuda para salvarmos e rehabilitarmos o noso patrimonio natural e histórico, así como para promovermos a creación dun espazo público verde e de calidade, nunha cidade que ten unha grande eiva en todos e cada un deste bens comúns.

Despois de dúas décadas de abandono, mentiras, ocultacións e ilegalidades, o Concello de Vigo e os especuladores inmobiliarios pretenden librarse e destruír para sempre a Antiga Horta do Convento de San Francisco, así como unha serie de singulares e diversos tipos de construcións e rúas (algunhas delas moi antigas e de moita calidade arquitectónica).

O Alcalde Abel Caballero ten previsto nos próximos días dar vía verde para que un novo grupo de especuladores inmobiliarios reediten o lucro rápido de Karpin, arrasando e transformando por completo 2 hectáreas das 15 que conforman a Zona Histórica de Vigo. O conxunto histórico da Zona Histórica de Vigo, que é Ben de Interese Cultural de Galicia, veríase profundamente afectada e desfigurada a súa composición visual e valor histórico, ademais de serios problemas urbanísticos e inconvenientes para a veciñanza.

A mega-urbanización de luxo, chamada “Do Barrio do Cura”, significaría:

• A destrución de 10.000 m2 de espazo verde, con horta e grandes árbores das que xa gozamos unha parte dos veciños / da veciñanza así como un grande número de especies de aves e gatos ceibes.

• A desaparición do que tamén é patrimonio histórico, xa que esa hectárea de horta / terreo cultivábel que aínda temos, é un vestixio aínda vivo da que fora a horta dos Monxes de Melón (s XI-XVI) e de S. Francisco do Berbés (s. XVI-XIX)

• A destrución do acuífero que abastece a Fonte da Barroca (a máis antiga de Vigo) e o lavadoiro de Poboadores (o único que aínda conservamos).

• A construción dun estacionamento / aparcadoiro de 300 prazas e unha nova rúa que metería mais tránsito / tráfico no corazón da Zona Histórica, e convertendo a Oliveira de Vigo nunha rotonda.

• Un aumento da altura e o volume construído, cunhas edificacións modernas que crearían un grande impacto visual, tanto desde /dende o Paseo de Alfonso XII como dende /desde a Ría, deformando a imaxe da Zona Histórica.

• Un longo proceso de demolición e nova construción, que creará contaminación acústica, polución, tremores, tránsito / tráfico pesado e outras molestias á veciñanza.

• A demolición do Asilo, deixaría sen acubillo e fogar a moitas persoas en situación de emerxencia social, sen que se teña antes pensado nunha alternativa habitacional para elas.

Digamos xuntos

Si á rehabilitación das casas do Barrio do Cura, Llorente e Santa Marta.

Si ao Xardín do Berbés.

Si á senda peonil entre Torrecedeira e Poboadores.

Non á especulación no Casco Vello.

Non á destrución da Horta do Berbés.

Non máis coches no centro de Vigo.

Difunde esta mensaxe.

Se queres colaborar, escribe a [email protected] ou a www.facebook.com/hortadoberbes/