O Ace Gran Canaria, primeiro rival dun duro pero ilusionante camiño

Publicado por o día 18/10/2019 na sección de Deporte Adaptado,Deportes,Galicia,Vigo

O Ace Gran Canaria, primeiro rival dun duro pero ilusionante camiño

O Iberconsa Amfiv abre este sábado a partir das 18.00 horas no Pavillón Pablo Beiro de Bouzas ante o BSR Ace Gran Canaria unha nova tempada na máxima categoría nacional, a División de Honra. Será unha esixente proba para iniciar unha campaña na que, sobre o papel, non haberá xornadas fáciles debido a que a liga española demostra un ano máis por que está considerada como a máis potente do mundo. Salvo a incógnita do recentemente ascendido Las Rozas e pendentes da evolución do novo persoal do Zuzenak e o rendemento das novas incorporacións do conxunto vigués, o resto dos equipos da División de Honra parte como presumibles candidatos a pelexar por todo. Os catro grandes (Ilunion, Amiab, Bidaideak Bilbao e Mideba) son os principais favoritos pero Ace Gran Canaria, Amivel Málaga e Fundación Grupo Norte de Valladolid tamén contan con persoais máis que interesantes e capacitadas para dar un susto a calquera. Un papel que, precisamente, aspira a ser capaz de desempeñar tamén o Iberconsa Amfiv.
 
O traballo de pretemporada, a pesar da dobre derrota ante o Bidaideak e de caer con claridade fronte ao Ilunion, ofrece motivos para a esperanza aínda que tamén confirmou que o persoal vigués é curto, moito máis se cabe ata que se liquiden os trámites burocráticos para o visado do arxentino Franco Alessandrini e poida incorporarse ao equipo. Todo apunta a que se non hai novidades negativas, a próxima semana podería estar xa ao dispor de César Iglesias. Por iso, o técnico vigués non dubida ao afirmar sobre estas catro semanas de traballo previo ao comezo da tempada que “a valoración da pretemporada é positiva aínda que acabamos cun lixeiro mal sabor de boca pola derrota no IV Memorial Pablo Beiro ante o Bidaideak Bilbao, nun partido no que os últimos minutos acabamos con só 4 xogadores sobre a pista e no que mostramos o noso peor nivel de acerto. Hai que ser conscientes de que pode haber días así pero tamén se poden extraer cousas e accións positivas dese encontro. Conseguimos atopar os tiros a pesar de que non entraron e logramos que un equipo cun dos maiores potenciais ofensivos da liga como Bilbao anotase só sesenta e poucos puntos. Fomos capaces de contelos”
 
Por iso é polo que César Iglesias, aínda que conta cun persoal curto, resalta que “estamos contentos pero á espera de que se poida concretar definitivamente a chegada de Franco Alessandrini, que nos ten que dar moitas cousas. Temos un persoal competitivo a nivel de manexo de cadeira e velocidade. Agora temos que ser agresivos tanto en ataque como en defensa. Quizais nos falte algo máis no lanzamento exterior e Franco pódenolo dar desde o punto. Con el estariamos máis que listos, con dous quintetos para que cada un achegue o seu granito de area, senta importante e estea integrado”.
 
A campaña será dura debido ao nivel cada vez máis alto dunha liga tan esixente como a División de Honra española. “Ano tras ano comentamos que quizais é a liga máis forte do mundo. Esta tempada ao potencial que xa había únese o desembolso que realizaron equipos como o Amivel Málaga ou o Fundación Grupo Norte, que tamén se reforzou moi ben co regreso do internacional arxentino Adrián Pérez e a fichaxe do australiano Brett Stibners. Cada partido vai ser decisivo, tanto polo nivel da competición como pola brevidade da mesma. Se te dormes un par de fins de semana, págalo caro. Hai ata oito equipos que, a priori, poden pelexar por calquera dos postos da clasificación”, analiza César Iglesias.
 
A primeira cita do Iberconsa Amfiv este sábado no Pavillón Pablo Beiro confirma esta afirmación. “O BSR Ace Gran Canaria é un rival moi duro, con xogadores que coñecen moi ben a liga e que combina tamaño con velocidade. Ten bos anotadores exteriores como Jorge Sánchez ou Richard Nortje e puntos intermedios como a estadounidense Rose Marie Hollermann, o británico James McSorley ou o holandés Are Twigt, os dous primeiros internacionais coas súas respectivas seleccións nacionais e Twigt unha nova promesa holandesa. É un equipo que ten pinta de combinar moi ben”, apunta o técnico do conxunto vigués.
 
César Iglesias espera contar co apoio do seu público para sacar adiante un encontro que se presume complicado e iniciar así a campaña cunha dinámica positiva. “É importante empezar ben e tratar de sacar adiante o partido. Tivemos unha pretemporada cun nivel de esixencia e viaxes alto. Ao ser unha liga tan breve, nun mes e medio chegaremos ao parón do Nadal polo que cada fin de semana é vital. Unha vitoria máis ou menos pode supoñer unha diferenza de catro postos arriba ou abaixo na táboa”, puntualiza.
 
Á hora de marcar metas para a campaña, César Iglesias prefire apostar pola prudencia e o traballo diario para que sexa este o que acabe xulgando a tempada do Iberconsa Amfiv. “Os nosos obxectivos, por suposto, non pasan por pelexar a liga nin por gañar a Copa do Rey pero, como nos ensinou Pablo Beiro, hai que falar pouco e facer moito e que o que fagamos teña repercusión. Non temos equipo para pelexar por esas cosas pero temos que estar a pelexar por elas e, ademais, facer un xogo atractivo e ser un equipo ben armado, correúdo e ao que custe gañar. O día a día marcaranos onde podemos chegar”, finaliza.

Comentar noticia

Your email address will not be published.