O albergue Jamarte trunfa coa súa aposta pola cociña internacional e recolle o premio Caldelas Tapas

O establecemento do Verdugo apostou por unha reinterpretación da bullabesa marsellesa
Publicado por o día 05/02/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O albergue Jamarte trunfa coa súa aposta pola cociña internacional e recolle o premio Caldelas Tapas

O “Cesto marinero” do Albergue Jamarte, tapa gañadora do concurso gastronómico Caldelas Tapas, mereceu hoxe o recoñecemento do Concello, que entregou o premio aos seus responsables. O alcalde, Andrés Díaz, acompañado dos concelleiros Pilar Couto, José Manuel Martínez e Lito Muíños entregaron unha escultura do pescador e o diploma acreditativo.

O concurso gastronómico contou este ano coa participación de 11 locais, que ao longo das noites de venres do mes de decembro conseguiron vender algo máis de 5.000 tapas, mantendo así o gran nivel de aceptación que esta iniciativa gastronómica acadou en Ponte Caldelas.

O fallo estivo a cargo dun xurado profesional integrado por Pepe Vieira (unha estrella Michelín) e a reposteira e organizadora de eventos local Conchi Amoedo.

O equipo do Jamarte está encabezado polo cociñeiro francés Philippe Copin, e conta tamén coa arxentina Pilar Araújo; o alemán Nimo Fahlbuch; a holandesa Toni Hermans e o español Boel Copin. Todos eles participaron coas súas achegas a partir dunha tapa que partiu dunha reinterpretación da famosa salsa de peixe de Marsella, a bullabesa.

Philippe Copin destacou que a partir desa idea foron perfeccionando unha salsa “óxido” parecida ao “alioli”, buscaron un toque crocante fritindo “tagliatelli” previamente cocido en auga de mariscos e configuraron unha tapa que, ademais, foron perfeccionando venres a venres, dado que o Caldelas Tapas celébrase nas noites dese día. O resultado foi preto dun milleiro de tapas vendidas e o recoñecemento do público e do xurado.

O equipo de cociñeiros subliñou que o segredo está en partir dun concepto de cociña tradicional e levalo a un formato distinto, sen esquecer tampouco o gusto galego, no que o produto sempre debe ser protagonista, por enriba da elaboración.

Nesta edición do Caldelas Tapas participaron o Bar Parada (Potaxe mariñeiro), Cervecería Alameda (Esencia do Alameda), La Tribu (Frijoles charros), O´Recanto (Bocado canario), Tapería Victoria (Victoria), Restaurante 501 (Crema de rebozuelos con marisco y algas kombu), bar Bora Río (Marisco de cortello), albergue Jamarte (Cesto marinero), Verdugolandia (Cazuelita de alubias con coliflor y gambas), Asador del Chavo (Risotto de setas y gambas) e Pastelería Acuña (Tosta serrana).

O concurso gastronómico caldelán volverá, xa no formato de verán, durante as noites de venres do próximo mes de xullo.