O albergue Lug2 da Consellería de Política Social recibe o premio á innovación outorgado pola REAJ

Gañou o recoñecemento gracias ao proxecto Lug Open Factory, que realiza un acompañamento personalizado a mozas e mozos que teñen grandes ideas pero non sabe como levalas a cabo
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Xunta de Galicia

O albergue Lug2 da Consellería de Política Social recibe o premio á innovación outorgado pola REAJ

O albergue xuvenil Lug2 da Consellería de Política Social recibe o premio á innovación da Red Española de Albergues Juveniles (REAJ), por poñer en marcha a mellor iniciativa innovadora que contribuíu a mellorar a xestión e funcionamento da instalación. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á entrega dos galardóns desta entidade que tivo lugar en Alacante.

O proxecto que levou ao albergue Lug2, xestionado pola empresa Vida Láctea SL, a gañar o galardón foi o Lug Open Factory. Esta iniciativa está enfocada nas mozas e mozos con grandes ideas, pero que non saben como enfocalas ou levalas a cabo. Desta forma, axúdaselles a desenvolvelas e, de maneira gratuíta, proporciónaselles formación, titorías e residencias de intercambio, entre outros. En definitiva, realízase un acompañamento personalizado, utilizando todas as instalacións do albergue. A día de hoxe, a través deste proxecto, estase guiando a oito mozos, tres deles con proxectos xa en marcha.

Os Premios REAJ son unha iniciativa que teñen como obxectivo recoñecer o labor e o esforzo diario dos albergues que conforman a rede. Deste xeito, recoñécense seis categorías diferentes: mellor iniciativa medioambiental, mellor iniciativa de inclusión social e relación coa comunidade, mellor iniciativa de accesibilidade, albergue con máis encanto interior, albergue preferido polos usuarios e o recoñecemento á innovación.

Cada un dos gañadores recibiu un diploma acreditativo. Ademais disto, no seu perfil dentro da páxina web da REAJ incorporaráselle un distintivo que acredite o recoñecemento e contará con promoción nacional e internacional.

Comentar noticia

Your email address will not be published.