O alcalde, aberto a ampliar as terrazas pero respectando a prioridade dos peóns

Abel Caballero mostrouse este martes disposto a autorizar ampliacións das terrazas das cafeterías alí onde sexa posible, previa solicitude ao Concello e respectando sempre a prioridade dos viandantes: “Os peóns son prioritarios, que quede clara esta cuestión”, sentenciou.
Publicado por o día 12/05/2020 na sección de Concello de Vigo,Coronavirus,Galicia,Vigo

O alcalde, aberto a ampliar as terrazas pero respectando a prioridade dos peóns

No primeiro día da fase 1 da desescalada e apertura condicionada das terrazas, o alcalde amosou a súa vontade de apoiar ao sector da hostalería e ampliar o espazo que ocupan nas beirarrúas, sempre e cando deixan sitio “folgado” para o paso dos peóns, que teñen que poder desprazarse con comodidade e gardando a distancia social.

Abel Caballero recordou que o goberno de Vigo aplica desde hai unha década a chamada “taxa cero” para a instalación de terrazas, medida que se adoptará tamén nas ampliacións que se autoricen para acompañar a unha actividade económica que “o pasou e o pasa moi mal” coa crise do coronavirus, mais o rexedor pediu as cafeterías “sentido común” á hora de instalar as mesas no exterior.

O alcalde animou aos hostaleiros a solicitar as ampliacións “con urxencia” ao departamento de Seguridade do Concello de Vigo, que avaliará a petición e resolverá favorablemente sempre que sexa posible. “Non pode suceder o que onte pasou nalgún sitio, que a terraza ocupou toda a beirarrúa e os peóns tiñan que baixarse á calzada. Non, isto non é posible; ao revés, agora necesitamos máis espazo para os peóns porque temos que gardar as distancias de seguridade”, argumentou.

Apoio social

En comparecencia por videoconferencia, o rexedor vigués deu conta da concesión onte luns doutras 35 axudas de emerxencia a persoas que as precisan por valor de 11.000 euros e avanzou que este martes o Concello repartirá 607 menús a familias vulnerables. No tocante ao aloxamento das persoas sen fogar, Caballero afirmou que actualmente existe “certa folgura” ao contar con 13 camas libres no reconvertido pavillón do Berbés e outras 12 vacantes no albergue municipal de Marqués de Valterra.

Ademais, o Concello continúa coa campaña de recollida, posta a punto e entrega de ordenadores usados a alumnado de Primaria que o necesita. A día de hoxe, o goberno vigués recibiu 700 solicitudes -para estudantes tanto de centros públicos como concertados- e conta con 315 equipos informáticos xa doados, polo que Abel Caballero reiterou a petición á cidadanía para que chame ao 010 e ceda unidades en desuso, que se recollerán no propio domicilio.

Comentar noticia

Your email address will not be published.