O alcalde adianta que modificación do Barrio do Cura quedará aprobada no próximo Pleno

En referencia aos traballos de demolición dos inmobles afectados, Caballero apuntou que avanzan a “ritmo excepcional” e que é posible que non se retire a fachada da igrexa do asilo para o inicio da construción.
Publicado por o día 13/09/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde adianta que modificación do Barrio do Cura quedará aprobada no próximo Pleno

“No próximo Pleno aprobaremos a modificación puntual do Barrio do Cura”, avanzou o rexedor este venres, explicando que o seu goberno dará conta do proxecto na Xerencia de Urbanismo o vindeiro martes 17 de setembro, xa que estaba pendente dunha cuestión de forma que xeraba dúbidas entre os xuristas que preferiron corrixila antes de levalo ao Pleno.

Unha vez aprobada polo Pleno, a modificación do Barrio do Cura será sometida a información pública durante dous meses desde a súa publicación no DOG, logo pediranse os informes sectoriais preceptivos e poderá iniciarse a construción do novo Barrio do Cura.

“Imos facer habitable e imos resolver problemas de tráfico e de peonalización da zona de Poboadores e Barrio do Cura”, apuntou Caballero, engadindo que se abrirá a rúa Torrecedeira para conectala co Casco Vello, que haberá saída peonil ao Paseo de Alfonso, zonas verdes, aparcamento con centos de prazas, un 30% de vivenda protexida e un “respecto absoluto ao miradoiro que non terá obstáculos”.

Ao respecto das obras de demolición dos inmobles afectados, dixo o alcalde de Vigo que se desenvolven a un “ritmo excepcional” e preservando os valores patrimoniais. Xa se derribou a estrutura de cemento que estaba diante da escola infantil municipal e do antigo asilo soamente queda en pé a fachada aínda que “se estuda a posibilidade de non retirala”, senón mantela en pé garantindo a súa estabilidade mentres se realizan as obras, adoptando para iso as medidas precisas.