O alcalde agradece á Fundación Amancio Ortega a cesión da escola infantil de Bembrive

Abel Caballero agradeceu esta mañá á Fundación Amancio Ortega a cesión da escola infantil de Bembrive, que pasará a ser o noveno centro educativo municipal. Esta doazón permitirá ao Concello ofertar 82 novas prazas para nenos e nenas de entre 0 e 3 anos para o próximo curso escolar.
Publicado por o día 03/12/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde agradece á Fundación Amancio Ortega a cesión da escola infantil de Bembrive

A Xunta de Goberno local aprobou esta mañá o convenio de aceptación da doazón ao Concello da escola infantil que a Fundación Amancio Ortega vén de construír no Camiño do Areeiro (Bembrive). A entrega definitiva do centro -perfectamente equipado – terá lugar cando se firme o convenio, o que permitirá ao goberno local asumir o mantemento da que será a novena escola infantil municipal. En rolda de prensa, Caballero agradeceu unha vez máis á Fundación Amancio Ortega a súa labor social e, concretamente, a construción e cesión dunhas instalacións que permitirán ofertar 82 novas prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Os orzamentos de 2021 xa incorporan unha partida de 200.000 euros para a posta en funcionamento desta dotación educativa.

O Goberno local tamén deu luz verde ao proxecto de convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para o desenvolvemento de programas de axudas aos alumnos en conceptos como bolsas, bolsas de comedor ou achegas ao trasporte. Esta colaboración é, unha forma, explicou o rexedor, de devolverlle á Universidade o que pagaban de IBI, un imposto que a institución académica deixará de abonar logo dunha sentenza do Tribunal Supremo que exime dese pago ás universidades de España.

Discapacidade

O alcalde deu conta de que hoxe, 3 de decembro celébrase o Día Internacional das persoas con discapacidade. O Concello súmase a esta xornada iluminando de verde as fontes da rúa Aragón. En Galicia, máis de 80 entidades sociais desenvolven por quinto ano consecutivo a campaña “Baixo o mesmo paraugas”.