O alcalde agradece ao Goberno de España o pago do 70% dos accesos á nova estación de Urzáiz

Abel Caballero quixo trasladar o seu recoñecemento público ao goberno central, que este martes aproba en Consello de Ministros a addenda ao convenio entre ADIF, Xunta y Concello para executar os accesos á terminal de Urzáiz e mellorar o entorno da estación. O importe total supera os 21 millóns de euros.
Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde agradece ao Goberno de España o pago do 70% dos accesos á nova estación de Urzáiz

O alcalde amosou a súa satisfacción pola luz verde que outorga o Consello de Ministros este martes á addenda, que eleva o investimento ata os 21,4 millóns, dos que case o 70% os paga o Goberno de España e o importe restante, a partes iguais entre Xunta e Concello de Vigo.

A addenda, explicou Caballero, permite ampliar a acción pública no entorno da estación de Urzáiz, de tal forma que se activan os traballos de eliminación do paso elevado sobre a rúa Alfonso XIII, a reconstrución da antiga fachada da estación ferroviaria viguesa sobre o muro e a humanización dos espazos para integrar o centro Vialia e os novos accesos.

A ampliación do convenio supón tamén a adecuación e humanización dos chamados espazos intersticiais -a zona emprazada entre a AP-9 e a futura estación de autobuses-, o núcleo de comunicacións desta e a remodelación da Praza da Estación, que licitará e executará o Concello de Vigo.

En virtude do acordo, o Concello asume a licitación e execución dos accesos á nova estación, o túnel de saída desde Lepanto ata a autoestrada, a conexión da AP-9 co centro Vialia e coa terminal de autobuses, a entrada e saída da autoestrada, e as instalacións e balizamentos, que supón case que 12 millóns do total.

Abel Caballero recordou que a transformación do entorno da gran estación do AVE de Urzáiz se completará con dous elevadores que custeará o Concello de Vigo e que conectarán Serafín Avendaño co centro Vialia e, en segundo lugar, a Praza da Estación co cruce de Urzáiz e Vía Norte.

Comentar noticia

Your email address will not be published.