O alcalde anuncia que Ledicia Costas e Antonio Teijeiro serán Vigueses Distinguidos

Caballero subliñou que ambos escritores recibiron o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil -Costas en 2015 e Teijeiro o pasado ano- e serán nomeados “ex aequo” co galardón de Vigués Distinguido 2018. Será o caso ademais dos colexios Doutor Fleming e Canicouva, que celebran 50 anos na cidade.
Publicado por o día 22/03/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde anuncia que Ledicia Costas e Antonio Teijeiro serán Vigueses Distinguidos

O rexedor avanzou este xoves que o Pleno extraordinario que acordará a designación da Medalla da Cidade e dos Vigueses Distinguidos deste ano terá lugar o próximo luns, 26 de marzo, ás 10 horas.

Abel Caballero anunciou que proporá ao Pleno o nomeamento “ex aequo” como Vigués Distinguido de Ledicia Costas e Antonio Teijeiro, escritores vigueses Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015 e 2017, respectivamente. O alcalde puxo en valor a “importantísima capacidade de elaboración de literatura que hai na cidade”, con dous recoñecementos nacionais para autores vigueses nos últimos tres anos, algo “certamente reseñable”.

A mesma fórmula proporá o alcalde para distinguir aos Centros de Educación Infantil e Primaria Doutor Fleming e Canicouva, que celebran os seus 50 anos de vida. “Hai 50 anos que están en Vigo, quero que celebren o seu medio século sendo Vigueses Distinguidos”, explicou.

A Medalla da Cidade, como xa adiantara Caballero, recaerá na Asociación Diálogos 90, promotora e organizadora da homenaxe a Concepción Areal e dos premios Galega Destacada. O alcalde anunciara a distinción precisamente na homenaxe á escritora deste ano, o pasado catro de febreiro. O alcalde tamén anunciara os Vigueses Distinguidos para a Asociación Agarimo, Montañeiros Celtas e o Centro Comercial Coia 4.

No tocante aos actos de celebración da Reconquista deste ano, o propio mércores 28 de marzo terá lugar na Praza da Independencia a tradicional homenaxe aos Heroes da Reconquista e a Gala de Vigueses Distinguidos, o 3 de abril. O bando deste ano correrá a cargo do maxistrado Julio Picatoste, tal e como adiantou onte mércores Caballero.