O alcalde valorou este martes a reunión celebrada na tarde de onte en Madrid, da que saíu “encantado” polos compromisos adquiridos polo Ministerio de Fomento nos temas que competen á cidade.
Así, Caballero puxo en valor que a rehabilitación da muralla do Castro é unha “realidade” xa asinada onte nun convenio entre o Concello e o Ministerio, por importe total de 835.000 euros. Ao estar rubricado, o acordo é “operativo e irreversible”, subliñou.
En segundo lugar, o alcalde deu conta da mellora do proxecto de humanización da Avenida de Madrid, vial titularidade do Ministerio que será reformado ata a Praza de España. Caballero recordou que existe un convenio firmado por 10 millóns ao que o goberno vigués quixo incorporar melloras no proxecto ao ser a avenida completamente “urbana”, entre estas, novo saneamento, abastecemento, zonas verdes, iluminación, esculturas e unha fonte, unha addenda por valor de 4,4 millóns.
Detallou o rexedor que a proposta municipal estaba “técnicamente aceptada” pero faltaba pechar o financiamento. Pese a ser cuestións urbanas, Abel Caballero conseguiu do secretario de Estado que o Ministerio de Fomento eleve a inversión inicial e se manteñan as proporcións acordadas: dous terzos (9,6 millóns) a cargo do Goberno de España e o terzo restante (4,8 millones), abonados polo Concello. A administración local será ademais a encargada de licitar, contratar e dirixir esta obra, chamada a ser unha das humanizacións máis importantes da cidade, unha “entrada notable” de Vigo.
Infraestruturas
Caballero e Saura tamén pasaron revisión á situación da Alta Velocidade de Vigo a Ourense por Cerdedo. A licitación do estudo hidroxeolóxico foi publicado no BOE do pasado 5 de febreiro e o alcalde avanzou que o luns, 11 de marzo, péchase o prazo de presentación de ofertas ao contrato.
Por outra banda, no tocante ao túnel de saída da autovía Vigo-Porriño, Abel Caballero coñeceu onte en Madrid que o goberno de Mariano Rajoy, segundo explicou este martes, deixou caducar a avaliación do impacto ambiental deste tramo que xa estaba realizada, algo “tremendo” polo que pediu “explicacións”. O actual Goberno de España, engadiu, está a recuperar o posible do estudo básico para volver solicitar o análise ambiental do túnel.
Noticias de última hora en Vigo