O alcalde avoga polas políticas que garanten a igualdade de toda a cidadanía

Durante a presentación dos actos en Vigo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, Abel Caballero defendeu a discriminación positiva “en favor de quen máis o precisa”. O vindeiro 3 de decembro, a Praza da Estrela acolle os actos desta xornada co lema “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade”.
Publicado por o día 25/11/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde avoga polas políticas que garanten a igualdade de toda a cidadanía

“Nesta cidade estamos na política da inclusión, en facer que todos sexamos exactamente iguais, que os dereitos nos cheguen a todas e todos e nos garantan a mesma capacidade, a mesma forma de actuar e os mesmos dereitos”, apuntou o rexedor na rolda de prensa de presentación da xornada do Día Internacional das Persoas con Discapacidade que se celebra o vindeiro 3 de decembro.

Abel Caballero defendeu as políticas de discriminación positiva porque “igualdade é apoiar a quen máis o precisa; quen ten máis dificultade para acceder aos dereitos ten que ter máis vantaxes para os dereitos”, animando á cidadanía a sumarse a esta xornada que co lema “Baixo o mesmo paraugas. Galicia pola diversidade”, queren representar unha sociedade plural e diversa que acolla a todos por igual, sen diferencias. Nesta cuarta edición da xornada participan 80 asociacións de toda Galicia.

Conchi Somoza, xerente de APAMP, defendeu a necesidade das políticas “que nos poñan á mesma altura, que nos acerquen a poder desenvolver unha vida normal como o resto da cidadanía”.

En Vigo, o acto central desenvólvese na Praza da Estrela, o martes ás 12:00 horas coa lectura do manifesto da xornada “reivindicando todos os dereitos vulnerados”, un desfile no que poden participar entidades e centros escolares e que premiará o paraugas mellor customizado, haberá actividades artísticas e deportivas organizadas polas entidades e contará coa actuación de XEROCK, grupo musical do Centro San Xerome Emiliani de A Guarda.

Na rolda de prensa estiveron presentes representantes das entidades que participan nesta xornada: Centro Juan María, Aceesca, San Rafael, San Xerome Emiliani, Fundación Menela, Aspanaex, Alento, Fundación Aldaba, APAMP, AVEMPO, EVD GALICIA, Autismo Vigo, Avelaiña Saúde Mental, DISCAMINO, COGAMI e a Asociación de Persoas Xordas de Vigo.