O alcalde celebra o “desbloqueo” do AVE directo Vigo-Madrid e dos accesos viarios á cidade

O ministro de Fomento, José Luis Ábalos, visitou este mércores o Concello de Vigo, unha reunión “extraordinariamente satisfactoria” na que, tras “cinco anos agardando”, se desbloqueou a conexión directa do AVE Vigo-Madrid, a autovía alternativa ao Vigo-Porriño por túnel, a remodelación da Avenida de Madrid e o novo enlace Teis-centro á altura da Avenida Bos Aires.
Publicado por o día 03/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde celebra o “desbloqueo” do AVE directo Vigo-Madrid e dos accesos viarios á cidade

O alcalde de Vigo recibiu este mércores na Alcaldía ao titular de Fomento, con quen mantivo unha entrevista “moi cordial, intensa” e “extraordinariamente satisfactoria”. “Levábamos cinco anos agardando a que os temas de Vigo relacionados con Fomento se desbloquearan e neste momento desbloqueamos todos”, anotou o rexedor vigués.

Abel Caballero sintetizou os acordos adoptados, que se traducen no AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo, na nova autovía Vigo-Porriño a través dun túnel, unha nova Avenida de Madrid “irreversiblemente lanzada” e o novo enlace entre Teis e o centro á altura de Bos Aires. O alcalde valorou que a chegada a Vigo de Ábalos “marca un tempo distinto” nas relacións entre o Ministerio e “a primeira cidade do noroeste de España, xunto a Bilbao e Valladolid”, polo que amosou a súa “felicidade absoluta e satisfacción”.

Pola súa parte, o ministro de Fomento afirmou que Vigo ten “unha significación relevante” no contexto galego e español, o que ten que vir “claramente determinado polas infraestruturas” e a “colaboración” do Estado. Indicou que as cuestións da súa competencia en Vigo están “encamiñadas”, froito do “compromiso” do goberno central con Vigo.

Así, Ábalos avanzou que “retomamos a reivindicación que vén abandeirando o alcalde” da liña directa de AVE entre Vigo e Madrid por Cerdedo, unha conexión que se recupera -pois “estaba abandonada”- co encargo dos informes medioambientais previos aos proxectos.

A estación do AVE de Vigo, deseñada por Thom Mayne, un “proxecto moi interesante e atractivo” para a cidade, está xa “moi encamiñada”, ao igual que os traballos de mellora da seguridade da A55 Vigo-Porriño, que estarán rematados a finais de mes.

Continuando coas infraestruturas viarias, Ábalos considera “determinante” a conexión alternativa ao Vigo-Porriño a través dun túnel, incluída polo goberno de Rajoy no chamado Plan de Investimentos en Estradas, que “non ten contido, non ten desenvolvemento”, aseverou o ministro, polo que anunciou que trasladará este proxecto á vía ordinaria dos orzamentos do Estado.

Por último, o acordo entre os gobernos de Vigo e central para a remodelación da Avenida de Madrid está “máis maduro” e será sometido a información pública no mes de xaneiro para logo licitar a obra, enunciou o ministro. Ábalos tamén adiantou que o Goberno de España iniciará os estudios para o novo enlace entre Teis e o centro da cidade á altura da Avenida Bos Aires.