O alcalde cifra en 2.223 millóns a débeda da Xunta en investimentos na cidade de Vigo

Abel Caballero criticou esta mañá os orzamentos autonómicos de 2021 para a cidade que, unha vez máis, non atenden as necesidades de Vigo. A cifra de investimentos é de 49,8 millóns, cando debería alcanzar os 273 millóns, en termos de poboación. En rolda de prensa, Caballero cifrou en máis de 2.000 millóns á débeda da Xunta nos últimos anos, unha cantidade á que a partir de agora hai que sumar 223 millóns máis.
Publicado por o día 24/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde cifra en 2.223 millóns a débeda da Xunta en investimentos na cidade de Vigo

O rexedor criticou a “escasa atención que os orzamentos da Xunta prestan a Vigo no ámbito da inversión”. Os capítulos VI e VII dos orzamentos autonómicos recollen unha cifra de inversión para toda Galicia de 2.460 millóns de euros, Vigo é o 11,1% da poboación da Comunidade polo que lle corresponderían 273 millóns, dos que só están consignados 49,8. Vigo, puntualizou, deixa de recibir 223 millóns, en termos de poboación, “ese é o balance dos orzamentos da Xunta con esta cidade”. Desde que Núñez Feijóo é presidente da Xunta, a débeda de investimentos na cidade xa estaba situada nos 2.000 millóns, polo que a partir de agora, a cifra elévase a 2.223 millóns.

Seguindo coa defensa das inversións para Vigo, neste caso no ámbito da educación, o grupo de Goberno defenderá na sesión plenaria de mañá unha moción instando á Xunta a construír e financiar integramente dúas novas escolas infantís, dado que desde o ano 2009 a Xunta só puxo en marcha unha na cidade, mentres que nese mesmo tempo o Goberno local implementou catro novos centros (Casiano Martínez, Navia, Mestres Goldar e Tomás Alonso), ademais de asumir o mantemento da que se vén de construír en Bembrive. De feito desde 2007, o Concello pasou de dispoñer 4 escolas infantís a contar con 9, pasando de 302 prazas a 700. Así mesmo, o Concello tamén cofinancia centros infantís autonómicos con 205.000 euros.

Tamén no ámbito da educación, o grupo de Goberno no Concello solicitará a Xunta que modifique o orzamento de 2021 para introducir unha partida para construír o instituto de Navia, “unha zona moi poboada, case unha cidade”. Co obxectivo de que a construción comece o ano que vén, o Concello cederá gratuitamente unha parcela de 12.000 m2 situada ao final de Teixugueiras.

Outros dos asuntos que se abordarán no Pleno será a esixencia á Xunta de que, de xeito urxente, modifique a normativa reguladora da Renda de Inclusión Social de Galicia para facela complementaria co Ingreso Mínimo Vital, ampliando ademais a súa cobertura.

Por último, o alcalde trasladou unha vez máis a súa solidariedade aos hostaleiros cos que se vai reunir proximamente para pactar a data do acendido de Nadal. Tal e como avanzou, mañá o Goberno local defenderá unha moción que solicita á Xunta aumente o seu apoio ao sector ata os 75 millóns, moi por riba dos 15 millóns que nestes momentos ten previsto destinar a toda Galicia. En todo caso, puntualizou Caballero, segue a ser unha cifra moi baixa tendo en conta as perdas que afrontan estes empresarios.

Comentar noticia

Your email address will not be published.