O alcalde confía en obter “en meses” a alta tensión para PSA e anuncia máis solo industrial

Logo dunha reunión co novo xerente da planta, Abel Caballero trasladou “todo o apoio” á demanda da empresa e manifestou ter “toda a confianza” en conseguila en “meses”, pois as conversas co secretario de Estado de Enerxía foron “alentadoras”. O rexedor informou ademais da solicitude da “lei Vigo” para ampliar o espazo de PSA e avanzou a súa vocación de incrementar o solo industrial en Vigo.
Por o 14/02/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O alcalde confía en obter “en meses” a alta tensión para PSA e anuncia máis solo industrial

Abel Caballero e Ignacio Bueno mantiveron unha reunión “cordial” este mércores na Alcaldía, da que o alcalde concluíu que “estamos na liña de resolver todas as cuestións” que propón PSA Vigo, unha factoría “central” para a cidade que ten o “apoio permanente” do goberno que preside.

En declaracións posteriores ao encontro, Caballero recordou que xa está en contacto co Goberno de España para conseguir a entrada da alta tensión soterrada a Vigo e á factoría de Balaídos, o que suporía unha rebaixa “importantísima” na súa factura eléctrica. O rexedor confía en comezar a trasladar as conversas ao papel coa Secretaría de Estado de Enerxía para que a demanda sexa unha realidade “en meses”.

En segundo lugar, o alcalde referiuse á ampliación do ámbito industrial da planta de PSA, que irá da man da Zona Franca, e para a que se empregarán “todos os instrumentos urbanísticos posibles”. Así, Abel Caballero aseverou que “non imos agardar” polo novo Plan Xeral e adiantou a solicitude da aplicación da Lei 3/2016, coñecida como “lei Vigo”, para acadar máis espazo para a industria da automoción viguesa e recuperar o ordenamento debullado no PXOM anterior.

“E non descartamos ampliar os ámbitos de solo industrial en Vigo”, abondou o alcalde. “Creo que é moi bo que a industria da automoción estea emprazada o máis preto posible da súa cabeza tractora -en referencia a PSA- e o sitio máis próximo é Vigo. Esa é a instrución que ten Urbanismo, os redactores do Plan e o que veño de propor á Zona Franca e a Citroën”.

Contratación e desprazamentos

Caballero e Bueno abordaron outras cuestións na súa entrevista deste martes. Segundo explicou o alcalde, o goberno vigués continuará prestando apoio económico á contratación de traballadores en formación na planta de Balaídos. Os primeiros anos dos empregados na empresa son de menor produtividade e o respaldo municipal, anotou o primeiro edil, fai que o conxunto da operación non diminúa a produtividade da factoría.

Por último, Concello e PSA estudaron dúas posibles opcións de mellora no tocante ao transporte colectivo, á proposta da empresa. En primeiro lugar, e xa comprometido polo alcalde, Balaídos contará con lanzadeiras de autobús ás entradas e saídas das súas distintas quendas: “Ímolo facer”, certificou Caballero, quen recordou que o mesmo servizo anunciara o día anterior para os traballadores do hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, e en segundo lugar, o goberno de Vigo vai estudar a opción de que algunha liña do Vitrasa pase por diante da fábrica, aínda que o alcalde apuntou que varias xa pasan polas proximidades da Avenida.

Comentar noticia

Your email address will not be published.