O alcalde convoca às forzas políticas e movementos sociais e propón unha mobilización unitaria

Represas pide a PSOE e PP unidade para defender Ponteareas
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

O alcalde convoca às forzas políticas e movementos sociais e propón unha mobilización unitaria

O Alcalde de Ponteareas fixo un chamamento á unidade ao PP e PSOE para defender a construción da circunvalación de Ponteareas. Xosé Represas considerou “lamentable” que “os dous partidos que gobernaron en España non foran capaces de resolver este problema en 20 anos e se adiquen a facer política electoralista tirándose os trastos para esconder as súas propias responsabilidades compartidas”.

Represas sinalou que “como alcalde non vou entrar nesas guerras partidistas, ao contrario, vou tentar unir a PSOE e PP nun frente común do Concello e da sociedade ponteareán para que, goberne quen goberne en Madrid, non nos sigan tomando o pelo”.

Con esa finalidade o alcalde convocou aos grupos políticos e á plataforma para a mellora da Seguridade viaria na N-120 a unha reunión urxente que se celebrará este venres, 18 de xaneiro. Na orde do día inclúese unha proposta do alcalde de celebrar unha grande manifestación unitaria reivindicando a circunvalación e as melloras da N-120.

Segundo Represas “esa é a liña a seguir. Se todos unimos forzas teremos máis posibilidades de facernos oir despois de 20 anos de incumprimentos. O PP e o PSOE en lugar de discutir deberían pedir perdón por non resolver isto en dúas décadas e agora arrimar o ombro para sacar adiante a circunvalación”.