O alcalde cualifica o 2019 como “o mellor ano da historia da cidade”

Publicado por o día 30/12/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde cualifica o 2019 como “o mellor ano da historia da cidade”

O rexedor fixo balance este luns do ano 2019 no Concello cualificándoo como “o mellor ano da historia da cidade”, no que se aprobou un orzamento de 267,7 millóns de euros para 2020, o que supón unha suba de case o 40% respecto ao primeiro aprobado polo seu goberno no ano 2008, tendo en conta que houbo un período de “moi forte deflación”. Neste 2019, apuntou, o goberno municipal xerou un presuposto “con débeda cero, coa presión fiscal máis baixa de toda Galicia, co pago a provedores en 10 días, superávit continuado e finanzas extraordinariamente saneadas. Somos un concello financeiramente moi sólido, solvente”, engadindo que o día 1 de xaneiro o Concello aboará tódolos seus gastos, salarios e pagos a provedores “o que nos coloca moi por enriba da Xunta de Galicia”.

O alcalde destacou o “avance extraordinario do turismo” neste ano no que se bateron tódalas marcas desde que hai estatísticas cun “crecementos superlativo, excepcional”, polo Nadal e polo influxo da campaña “Cíes, Patrimonio da Humanidade”. Asegura Caballero que Vigo xa é un “referente turístico de España e de Europa”, completando “a pata que nos faltaba”, que permite que a cidade teña un nivel de ocupación moi alto todo o ano.

Ao longo deste 2019 o Concello iniciou os preparativos para os novos contratos de Transporte, Auga, Lixo e Mantemento de Vías e houbo un “avance extraordinario nas humanizacións e mobilidade” cos carrís bici, Vigo Vertical, Praza América, Porta do Sol, Gran Vía, 200 vías, máis de 100 rúas humanizadas en Vigo neste período con criterios de eficiencia enerxética. Amais o goberno municipal ten en marcha obras por valor de 108 millóns de euros: “a maior revolución de investimentos e humanizacións que lembra a historia da cidade”.

Urbanismo e emprego
No ámbito urbanístico a ordenación provisional “abriu a canle do PXOM e resolvemos Barrio do Cura, Panificadora e conseguimos poñer en marcha a obra da estación do AVE e todo o núcleo da estación”. No eido da educación, o Concello entregou este ano 1.000 bolsas de inglés “que nos converten na cidade do mundo que outorga máis bolsas en relación á súa poboación, cubrición de patios de colexios, campamentos de verán, concertos de VigoSónico, as festas de verán que meteron en Castrelos máis xente que nunca na historia”.

Lembrou o rexedor algúns dos galardóns que recibiu Vigo como cidade tecnolóxica e smart: a mención Especial no Access City Award da UE polo proxecto Vigo Vertical 2019, a distinción «Cidade da Ciencia e a Innovación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades 2019 ou o Premio Ciudadanos 2019 e “abrimos un proxecto de edificios intelixentes con 4 millóns de euros achegados polo Goberno de España”. 2019 foi tamén para Caballero o ano dos macroparques infantís coa inauguración dos de Maruja Mallo, Jenaro de la Fuente, Bouzas e Navia.

Na área de transportes, o Concello instalou 25 marquesiñas novas e abriu unha nova liña de transporte urbano para dar servizo ao centro de maiores de Santa Marta e Alcabre con 6 rutas ao día. No medioambiente, a depuradora en pleno funcionamento, 10 Bandeiras azuis e 3 sendeiros azuis este ano e a continuación dos programas Camiño a Camiño e hortas urbanas. O alcalde sinalou tamén a dedicación de 1,5 millóns de euros á loita contra a violencia de xénero e os proxectos de Cultura co novo proxecto museístico na cidade, cun novo director no MARCO elixido por concurso público.

No tocante aos programas de emprego, referiu o rexedor a creación de postos de traballo, tamén coas obras e humanizacións, nun número de persoas que supera as 3.000 en toda la cidade. En canto ao deporte, Caballero apuntou os novos pavillóns de Romil, Quirós e a grada de Río en Balaídos que xa entrou en funcionamento “una obra colosal, extraordinaria, fantástica” sen a achega “dun só euro” da Xunta de Galicia. Amais, o Concello renovou dez campos de fútbol con novo céspede, iluminación LED e sistemas de climatización. A cidade acolleu neste 2019 varios eventos importantes: o World Paddle Tour, o Campionato mundial júnior de balonmán ou a Battle of teams de CrossFit.

O alcalde sinalou tamén o proceso “importante de entrada de I+D” de maneira que a tramitación maioritaria é por vía telemática e avanzou que o goberno municipal está elaborando o Plan Estratéxico para a axenda urbana 2030 que vai ser “inconmensurable”.

Apoio da cidadanía
Abel Caballero destacou os avances que permitiu o Goberno de España: Avenida de Madrid, estudo da declaración de impacto ambiental para o AVE directo a Madrid, Estación del AVE, Autovía en túnel a Porriño, 13 millóns de euros para o Porto, Paseo Marítimo de Bouzas a Samil que xa está en tramitación, a Vía verde do tren e o estudo do abastecemento de auga da cidade que resolverá un “problema importante para o que temos que estar preparados”.

O alcalde valorou o 2019 como un “ano fantástico, extraordinario, no que a economía segue tirando en gran parte debido á acción do goberno municipal”, citando a resolución do peche do estaleiro Barreras que desbloqueou o Goberno de España “co que estableceu diálogo o goberno municipal mentres a Xunta de Galicia miraba para outro lado”, sentenciou.

Amais Caballero referiuse aos resultados nas eleccións municipais do pasado 26 de maio no que a súa lista foi apoiada polo 67% da cidadanía, con 101.000 votos, unha mostra do “inmenso consenso social de Vigo, que sabe da importancia de marchar xuntos” asumindo “un proxecto político de cidade como propio, borrando liñas vermella ideolóxicas, gobernando para todas e todos, vivan onde vivan na cidade e sexan da clase social que sexan”. Recordou a súa reelección como presidente da FEMP e rematou o seu balance anunciando que o prezo do billete de transporte urbano quedará conxelado o vindeiro ano 2020.

Comentar noticia

Your email address will not be published.