O Concello de Cangas acolleu hoxe ao delegado nacional de Colombicultura

Publicado por o día 22/08/2017 na sección de Cangas,Galicia

O Concello de Cangas acolleu hoxe ao delegado nacional de Colombicultura

O Concello de Cangas acolleu hoxe na sala anexa á Alcaldía un acto de recepción ao Delegado Nacional da Real Federación Española de Colombicultura, Bernardino Crespo. Nel estiveron presentes o alcalde, Xosé Manuel Pazos, e o concelleiro de Deportes Xoán Chillón, así como membros relacionados con esta disciplina deportiva: José Luis Miguélez, Presidente da Federación Galega; Alejandro Miguélez, Secretario da Federación Galega; José Luis Pereira, Presidente do Club Rías Baixas, e Santiago Antepazo, Presidente da Sociedade de Colombicultura de Cangas.

Convén recordar que a nosa vila volverase converter na capital do Campionato de España de Colombicultura 2018, algo que xa sucedera no ano 2007. A primeira quincena do mes de marzo será cando se desenvolva este evento deportivo, o cal mobilizará a centos de persoas.

Durante a acollida realizada, as diversas autoridades e personalidades presentes conversaron sobre a programación do evento (lugares e actividades que se realizarán). O alcalde non dubidou en resaltar que se tratará dun Campionato que logrará unha gran afluencia en Cangas, grazas ao cal chegarán persoas de diferentes localidades para gozar dun espectáculo único que se centra na estética dos palomos. Ademais, o concelleiro de Deportes agradeceu á Federación Española de Colombicultura “por depositar en renovada confianza que podiamos volver ser a capital do Estado desta modalidade deportiva. Estaremos á altura”.