O alcalde de Nigrán pide que o novo plan de transporte da xunta contemple conexións entre o núcleo urbano de Nigrán e as Parroquias e á Universidade e o Cunqueiro

O rexedor asistiu hoxe a unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para analizar o servizo de autobús no municipio ante a reordenación de liñas prevista para 2020. O encontro encádrase na rolda de contactos da Xunta con cada administración local
Publicado por o día 08/08/2018 na sección de Galicia,Nigrán

O alcalde de Nigrán pide que o novo plan de transporte   da xunta contemple conexións entre o núcleo urbano de Nigrán  e as Parroquias e á Universidade e o Cunqueiro

O alcalde de Nigrán, Juan González, asistiu esta mañá en Pontevedra a unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade para analizar o servizo de transporte público no municipio, xestionado dende ATSA e actualmente en revisión ante a reordenación de tódalas liñas en Galicia prevista pola Xunta para inicios de 2020. Por este motivo, a administración autonómica está mantendo unha rolda de contactos con tódolos concellos para detectar as principais necesidades.

Neste encontro para analizar o caso concreto de Nigrán o rexedor trasladou dúas necesidades básicas que deberían contemplar o novo Plan de Transportes: no caso do extrarradio conexión directa co Hospital Álvaro Cunqueiro e a Universidade de Vigo e, dentro do propio municipio, a importancia de que exista conexión entre as parroquias e o núcleo urbao de Nigrán, ademais dunha liña que atravese o Parque Empresarial Porto do Molle e outra que traslade aos veciños directamente aos centros de saúde (Panxón e Xunqueira).

“Esta reordenación de liñas prevista para 2020 ante o fin das concesións é unha oportunidade de mellorar o transporte existente. Dende Nigrán plantexamos demandas de sentido común e de auténtica necesidade. Non pode ser que un veciño non teña xeito de ir mediante transporte público ao seu centro de saúde ou á Universidade e, moito menos, que non teña forma de chegar ao núcleo de Nigrán. Por outra banda, Porto do Molle acolle actualmente a máis de 3.000 traballadores nun parque empresarial que ten por bandeira a sostibilidade e ao que, pola contra, só se pode acceder mediante vehículo privado, é algo que o novo Plan de Transportes ten que contemplar”, explica González, quen engade que dende a Xunta xa lle avanzaron a posibilidade de aproveitar o transporte escolar para determinadas conexións dentro do municipio, como podería ser acudir ao centro de saúde.