O alcalde de Ponte Caldelas sae “satisfeito” da reunión mantida esta mañá coa directora de Augas de Galicia

Andrés Díaz asegura que, trala reunión, o proxecto da Estación Termal converterase pronto nunha realidade
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Ponte Caldelas

O alcalde de Ponte Caldelas sae “satisfeito” da reunión mantida esta mañá coa directora de Augas de Galicia

Esta mañá o alcalde de Ponte Caldelas mantivo unha reunión coa Directora de Augas de Galicia e con técnicos desta entidade pública. O asunto que estivo sobre a mesa é o anteproxecto da Estación Termal que defenden e queren levar a cabo dende o goberno socialista de Ponte Caldelas. Ata o momento este anteproxecto non saía adiante trala negativa de Augas de Galicia, faltaba o visto bo e aprobación desta entidade para seguir coa súa execución. Co informe desfavorable de Augas de Galicia Andrés Díaz pediu en numerosas ocasións unha reunión con Teresa Gutiérrez para que lle explicase de primeira man o problema que había, unha reunión que finalmente tivo lugar esta mañá en Santiago.

Andrés Díaz cualiuficou de “reunión cordial” a mantida esta mañá coa directora de Augas de Galicia e os técnicos. Díaz explicou nesta xornada que no anteproxecto presentado polo concello para a Estación Termal hai unha esquiniña que está catalogada como zona de fluxo preferente, o que significa que non pode levar unha construción neste punto exacto. Ante este problema, no que dende o Goberno Local “teñen as súas discrepancias de que así sexa” as opción que deron dende Augas de Galicia foron dúas: unha facer un plan de inundavilidade para tentar corrixir isto, algo que segundo o rexedor “suporía un custe enorme” ou a segunda opción: facer unha modificación do anteproxecto para esquivar esta zona de fluxo preferente. A segunda opción é a que ven máis viable tanto dende o Goberno como os técnicos do concello. Con esta solución sobre a mesa o Goberno de Díaz quedou emprazado a enviar previamente este anteproxecto para que dende Augas de Galicia dean a súa aprobación e partir de aí, engade Díaz “lamentablemente teremos que volver a iniciar a licitación e polo tanto levalo ao pleno co estudo de viabilidade e o anteproxecto xa acordado con Augas de Galicia”. O contido do anteproxecto será o mesmo, o que se terá que cambiar, tendo en conta esa zona de fluxo preferente, é a ubicación das construcións.

Con todo, Andrés Díaz agradece a “cordialidade e bo entendemento” que esta mañá obtivo na reunión mantida en Augas de Galicia e o que é máis importante Díaz ten claro “que a Estación Termal converterase por fin nunha realidade, un proxecto que será clave para o futuro turístico e económico de Ponte Caldelas, unha estación que se converterá nun referente termal galego”.

O anteproxecto, da Estación Termal, persegue como “filosofía” a de crear un espazo sostible e sen ningún parecido co quebrado “macroproxecto” impulsado polo anterior equipo de goberno que, ademais de quedar parado con só unha pequena parte da estrutura executada, significou a demolición do histórico Balneario caldelán, propiciando así un duro golpe á autoestima local.

O anteproxecto contempla tres piscinas de augas termais, dúas ao aire libre e unha terceira baixo un edificio de só dous andares. Trátase dun anteproxecto arquitectónico deseñado cun inmoble cunha superficie construída de algo máis de 1.200 metros cadrados. No baixo sitúase a piscina cuberta cuns 200 metros cadrados e tres cabinas de masaxes e tratamentos. As outras dúas pozas, cunha lámina de auga doutros 300 metros, están ao aire libre nunha superficie herbácea e comunicada por camiños de terra. No andar alto estarán a recepción e un local de restauración. Ademais tamén queda contemplada a urbanización da finca, baseada no respecto aos valores naturais da contorna, polo que inclúese unha escaleira de acceso ao nivel das piscinas (ademais dun ascensor no interior do inmoble) e unha rampla para uso peonil e de vehículos de emerxencias e de servizos que remata con catro prazas de aparcamento restrinxidas. O resto do terreo será tratado con herba.

O estudo de viabilidade económico-financeira estima que a instalación arrancaría con 25.000 visitantes o primeiro ano e alcanzará os 50.000 ao quinto. As previsións económicas prevén un balanzo positivo dende o primeiro momento, que supera os 100.000 euros a partir do cuarto exercicio. Estímase a contratación de 5 traballadores, ademais dunha empresa de limpeza. Trátase segundo Andrés Díaz “dun proxecto sostible, integrado na paisaxe e que está destinado a converterse nun dos motores socioeconómicos de Ponte Caldelas” . Se o permiso fose concedido dende o seu momento por Augas de Galicia esta nova Estación Termal xa estaría posta en marcha xa que hai mais dunha ducia de empresas interesadas na xestión deste espazo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.