O alcalde de Sanxenxo anuncia un Polígono paralizado 10 anos por un informe negativo de Augas de Galicia

Publicado por o día 18/09/2018 na sección de Política,PSOE

O alcalde de Sanxenxo anuncia un Polígono paralizado 10 anos por un informe negativo de Augas de Galicia

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, visitou hoxe a depuradora de Dena, entre os concellos de Meaño e Sanxenxo, logo do anuncio de Telmo Martín de construír o Polígono de Nantes logo de dez anos paralizado polos problemas coa depuración de augas e o risco para a Ensenada de Os Pasales. Os socialistas preguntarán á Xunta polo anuncio do alcalde de Sanxenxo e reclamarán os expedientes da suposta autorización da conexión do Polígono coa Edar.

Vilán advirte que esta depuradora, que atende ao Concello de Meaño e parte de Sanxenxo, está xa saturada cun risco evidente sobre a Zona de Especial Conservación de Os Pasales, polo que a súa conexión cun Polígono implica un risco evidente. Tanto é así, sinala, que o Polígono estivo paralizado pola falla de conexión coa depuradora, por ter un informe negativo de Augas de Galicia e mesmo a oposición política do Concello de Meaño.

Por iso amosa a súa sorpresa polo anuncio repentino de Martín de desbloquear o que fora un dos seus proxectos na anterior etapa como alcalde de Sanxenxo, que sorprende porque “eríxese en portavoz da Xunta, fai un anuncio que implica a outro Concello e que vai en contra dos informes negativos un órgano autonómico como é Augas de Galicia”.

Os socialistas reclámanlle á Xunta que se dirixa ao Concello de Meaño para iniciar as obras de desdobramento das canalización de augas pluviais e residuais que chegan á Estación Depuradora de Augas Residuais de Dena –Meaño-. Reclama tamén que atendan aos informes técnicos de Augas de Galicia sobre esta conexión e remitírllelos aos grupos parlamentarios.

Finalmente, propón “traballar noutras solucións para a canalización e depuración de augas do polígono de Nantes, que non pasen por facelo a través da saturada Edar de Dena”. Así o dixo logo dunha visita á Ensenada xunto co deputado socialista Julio Torrado e as secretarias xerais do PSdeG nos concellos de Sanxenxo e Meaño, Icía García e Ainhoa Fervenza.