O alcalde do Grove mantén a primeira reunión coa nova representante de Portos de Galicia

Destácase un ambiente máis cordial e colaborador que no anterior mandato.
Publicado por o día 13/08/2020 na sección de Galicia,O Grove

O alcalde do Grove mantén a primeira reunión coa nova representante de Portos de Galicia

O alcalde do Grove mantivo esta mañá a primeira reunión coa nova representante de Portos de Galicia, Susana Lenguas. Destácase un ambiente de maior cordialidade e receptividade, tal e como debe ser nunha relación entre dúas institucións. Esta situación difire moito do vivido durante os anos en que Juan José Durán Hermida exerceu como presidente, e resulta, polo tanto, moi positiva.

Deste xeito, dende o Concello do Grove expuxéronse catro áreas fundamentais, que son temas habituais e que levan anos sen ser atendidos. En primeiro lugar, o relativo ao desenvolvemento da dársena do Porto de Meloxo para os bateeiros; a continuación, o tocante á valoración dunha proposta clara e realista do desenvolvemento dun porto deportivo no Grove; seguidamente, a necesaria actuación de mellora de toda a explanada do Corgo (que se atopa nun estado lamentable) e, finalmente, a xestión coordinada das terrazas da zona portuaria.

En canto á dársena do Porto de Meloxo, o que se traslada é que non existe aínda proxecto e que este resulta complexo, non só polas reclamacións da confraría, senón especialmente por problemas con Costas. Segundo se informou, estase elaborando un proxecto para poder darlle solución a esa dársena e isto supón un novo prazo, o que implica que esa demanda histórica vai tardar inda en poñerse en marcha.

Ante a proposición defendida polo Concello do Grove relativa ao traslado do porto pesqueiro para a creación dun porto deportivo na zona do actual peirao, informouse de que se trataba dun proxecto moi custoso e difícil de asumir cos actuais orzamentos de Portos de Galicia, e que non sería viable nos vindeiros catro ou cinco anos. Ante isto, o alcalde indicou que O Grove estaba aberto a outras propostas, pero que, como mínimo, debería comezarse cun estudo de uso do actual porto pesqueiro, como xa reclaman os mariñeiros da zona, para valorar un uso combinado e ordenado que poida ser o xermolo para o porto deportivo. Existe un compromiso de Portos para comezar a facer estudos técnicos e, a partir de aí, valorar vías de financiamento que poderían ser incluso mixtas (públicas e privadas). En calquera caso, a mensaxe fundamental é que O Grove precisa infraestruturas para atender as necesidades dos diversos colectivos implicados: bateeiros, mariñeiros, embarcacións tradicionais, barcos de pasaxe e embarcacións deportivas.

En canto á explanada do Corgo, indicouse que, se orzamento non era moi alto, Portos de Galicia podería facerse cargo, se ben o problema está na interpretación técnica das accións que se deben emprender, xa que Portos a considera unha actuación de mantemento, mentres que o Concello a estima investimento. Ao existir un compromiso da propia conselleira de hai xa tres anos, o alcalde solicitou que se reconsiderase esta posición e que se tivese en conta que o investimento roldaría os noventa mil euros, polo que debería ser asumido por Portos.

No relativo á problemática das terrazas da zona portuaria, propúxose unha mesa de traballo para este inverno. Nesta realizaríase unha revisión das autorizacións das terrazas da zona, especialmente no tocante ao espazo ocupado, xa que se detectan moitos problemas con terrazas que invaden zonas peonís e impiden o tránsito seguro das persoas. Ante isto, a presidenta de Portos propuxo a elaboración dun convenio de colaboración para ordenar os aparcadoiros, o tráfico e as zonas de terrazas, e incluso abordar a solicitude de desafectación presentada polo Concello do Grove que, se ben non vai ser nun período curto de tempo, podería ser un primeiro paso para ir avanzando cara á recuperación destes terreos para o uso municipal.

Dende o Concello do Grove agradécese tanto a boa vontade amosada como o ambiente cordial da reunión e agárdase que esta se traduza en feitos e pasos adiante. Sendo conscientes de que en todos os casos se trata de trámites que levarán tempo, valórase positivamente que se aprecien movementos e intención de resolvelos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.