O alcalde eloxia a “enorme calidade do V Certame de relatos Vigo Histórico”

Abel Caballero participou esta mañá na presentación da V edición do Certame de relatos Vigo Históricos promovido pola Editorial Elvira coa colaboración municipal. O prazo para a recepción dos traballos comeza mañá 6 da abril e finalizará o 1 de xullo.
Publicado por o día 05/04/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde eloxia a “enorme calidade do V Certame de relatos Vigo Histórico”

O alcalde de Vigo louvou esta mañá a “enorme calidade” do Certame de relatos Vigo Histórico que este ano cumpre o seu quinto aniversario e “xa é un clásico no desenvolvemento cultural de Vigo e de Galicia”. Tal e como se explicou na presentación, esta iniciativa conta este ano con dúas novidades fundamentais: un novo patrocinador privado, Abanca, e a participación da Fundación Igualarte, entidade coa que se emprende un camiño de cooperación. O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá día 6 de abril e finalizará o 1 de xullo.

Segundo explicou o responsable da Editorial Elvira, Xavier Romero, o xurado estará formado pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a filóloga e mestra Concepción Varela Portela, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a xornalista Noelia Otero Lago, e o profesor e escritor Julio Alonso. O xurado dará a coñecer os gañadores entre os días 28 de setembro e 5 de outubro e no mes de decembro realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa (cos relatos premiados e unha selección dos mellores).

O tema do relato será libre, pero Vigo ten que ser protagonista. Un ano máis faise especial fincapé nas bases en que “a cidade ten que ser parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame”.

Admitirase un único texto por autor, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 caracteres). Haberá un primeiro premio de mil euros para o gañador, un segundo premio de 500 e 4 accésits de 200 euros cada un. As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web da Editorial Elvira (www.editorialelvira.com).

Na presentación tamén estiveron presentes Xavier Romero, responsable da Editorial Elvira; Ramón Lourido, director da Zona Vigo Norte de Abanca (patrocinador privado do concurso); e Cristina Lago, presidenta da Fundación IgualArte.