O alcalde garante as infraestruturas comprometidas polo Estado en Vigo

Abel Caballero valorou como “mala noticia” que os orzamentos do Estado non fosen aprobados pero apunta que “non afecta á cidade porque está todo asegurado” á marxe dos Presupostos.
Por o 14/02/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
O alcalde garante as infraestruturas comprometidas polo Estado en Vigo

O rexedor referiuse este xoves ao rexeitamento do proxecto de Presupostos do Estado no Congreso como “unha mala noticia porque vai afectar no ámbito social, por exemplo no relativo á dependencia”, aínda que replicou que “non afecta á cidade porque todo está desbloqueado e asegurado sen os Orzamentos”.

Caballero repasou os proxectos comprometidos polo Goberno do Estado en Vigo como o Ave por Cerdedo, cuxa licitación do estudo hidroxeolóxico non depende do Orzamento senón que o asume ADIF cos seus recursos. Sobre a estación do AVE de Thom Mayne e os accesos á cidade, dixo que está comprometido en convenio “e están obrigados a pagalo” e o estudo da auga “está en marcha, faise cos remanentes do Ministerio de Transición Ecolóxica”, engadindo que queda pendente a sinatura do convenio para costealo co Ministerio e a Xunta, polo tanto, “segue adiante”.

No tocante á Biblioteca de Teis o rexedor apuntou que o edificio xa é propiedade municipal, logo da cesión, e a Biblioteca do Estado está “asegurada porque non depende dos Orzamentos porque o proxecto vai realizarse cos remanentes”. Sobre a Avenida de Madrid, dixo que vai saír “xa a exposición pública e vai por convenio, en consecuencia non precisa dos Presupostos” ao ser unha partida reservada de orzamentos anteriores.

Por último, referiuse o alcalde á autovía en túnel a Porriño “que fará ADIF”, a Avenida de Bos Aires cuxo estudo “está en marcha”, a muralla do Castro e a Vía Verde da que se colocou hoxe a primeira pedra.

Comentar noticia

Your email address will not be published.