O alcalde guardés entrega en Portos o proxecto do acceso sur ao Porto da Guarda

Publicado por o día 24/07/2020 na sección de A Guarda,Galicia

O alcalde guardés entrega en Portos o proxecto do acceso sur ao Porto da Guarda

O pasado día 23 de xullo Antonio Lomba, alcalde da Guarda e Montserrat Magallanes, tenente de alcalde, mantiveron unha reunión en Santiago de Compostela con Susana Lenguas, presidenta do ente público Portos de Galicia.

Na reunión faláronse diferentes temas que o concello da Guarda ten sobre a mesa e que afectan a competencias de Portos.

O tema máis destacado, segundo os responsables municipais, é o que se refire ao acceso sur ao Porto da Guarda. O alcalde entregou o proxecto xunto con informes sectoriais dos que dispón e, unha vez máis, solicitou á presidenta a participación de Portos para sacar adiante esta obra, necesaria para o normal desenvolvemento da actividade portuaria.

Outro tema importante que se puxo sobre a mesa foi a demanda da sociedade guardesa de construción dun dique sur de abrigo para o Porto da Guarda, o que permitiría o seu uso durante todo o ano. Neste sentido, a presidenta comentou que xa existe un documento no que se contemplan diferentes alternativas e se aborda a súa viabilidade. Pola súa parte expresou que na actualidade Portos de Galicia non pode acometer esta obra polo seu elevado custo, ao que o alcalde lle respondeu que a seguirán demandando dada a importancia que tería para a vila esta infraestrutura.

Comentar noticia

Your email address will not be published.