O alcalde invita á cidade a participar esta fin de semana no Vicus Spacorum

Xunto ao coordinador do evento, Rodrigo Vázquez, e á xerente da Asociación de Comerciantes do PAU de Navia, Ana Martínez, o alcalde, Abel Caballero, presentou este mércores a oitava edición desta festa celta e romana, que se celebra esta fin de semana en Navia, cun programa reforzado e renovado para toda a familia.
Publicado por o día 11/09/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde invita á cidade a participar esta fin de semana no Vicus Spacorum

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, indicou que Vicus Spacorum xa é unha das principais festas da cidade, á que acoden xentes de Vigo e de fóra da cidade para participar das numerosas propostas que ofrece o sábado e o domingo en Navia.

Segundo explicaron ante os medios, Vicus Spacorum reforza a súa programación este ano, cun mercado de artesanía e alimentación renovado e ampliado, que suma unha taberna de polbo e churrasco procedente de Lugo. As actividades crecen este ano en cantidade e calidade, cun maior número de obradoiros, exposicións e actuacións, ademais de maxia, cine e microteatro para toda a familia.

Este 2018 refórzase o “Poboado Castrexo”, mellor equipado que en edicións anteriores e con multitude de xogos e obradoiros. Nesta edición destacan a presenza de Lugdunum e Mercenarios Galaicos desde o lucense Arde Lucvs. Navia tamén acollerá unha exposición de clicks de Playmobil, un novo espazo de realidade virtual sobre o mundo romano, demostracións con teares romanos, loita de gladiadores, desfiles e a Schola Romana.

O sábado ás 19h se celebrará o II Gran Concurso Infantil de Caracterizacións, que tivo unha boa acollida o pasado ano, segundo trasladou este mércores Rodrigo Vázquez. Despois proxectarase “Asterix: a Residencia dos Deuses” e a noite do sábado concluirá cunha loita de gladiadores nocturna, prato forte do evento, que continuará cunha queimada celta con percusións e un fauno.

O peche do evento, o domingo, virá da man da Asociación Miramvicus, protagonistas das visitas guiadas da Villa Romana de Toralla, que representarán unha cerimonia fúnebre romana.