O alcalde pide a Xunta unha “reasignación” escolar para que o alumnado de Navia estude en institutos máis próximos

O goberno de Vigo suma a súa demanda á das ANPAS e familias de alumnos do colexio Rodríguez Castelao de Navia, requirindo á Xunta que asigne aos estudantes deste centro a institutos máis próximos a Navia en lugar do IES de Valadares que lles toca. Abel Caballero esixe ademais un instituto en Navia e ofrece a Xunta de Galicia o solo para construílo.
Publicado por o día 15/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde pide a Xunta unha “reasignación” escolar para que o alumnado de Navia estude en institutos máis próximos

A veciñanza, ANPAS e familiares do CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia mobilizáronse onte xoves para demandar á Xunta de Galicia que o alumnado do colexio non sexa asignado ao IES Valadares co salto ao instituto, senón a outros centros máis próximos a Navia.

Este venres, Abel Caballero sumou a demanda do goberno de Vigo á da veciñanza de Navia, reclamando unha vez máis á Xunta de Galicia unha “reasignación” escolar distinta pois a actual é unha “distribución ineficaz”. O alcalde valora o “gran instituto” de Valadares mais opón que está a “dez quilómetros” de Navia, un “longuísimo percorrido” para os escolares cando existen outros institutos máis preto do barrio.

Caballero manifestou non entender o criterio autonómico adoptado e asegurou que “parece que a Xunta de Galicia quere castigar a Navia”. O rexedor vigués trasladou o seu apoio ás familias e ANPA do CEIP Rodríguez Castelao por ser a súa unha “demanda xusta, moi razoable e chea de sentido común”.

Novo instituto
O Concello de Vigo esixe á Xunta de Galicia unha reasignación distinta dos escolares do Rodríguez Castelao ao tempo que defende que o goberno de Núñez Feijóo constrúa un instituto en Navia. “Esa é a proposta do goberno de Vigo”, aseverou Caballero, “e nós ofrecemos o solo”. O goberno vigués cedería a parcela e, de ser preciso, se encargaría de “facer máis expropiacións” de solo, anotou o alcalde.

O tamaño actual, a súa poboación infantil e as previsións de crecemento do barrio aconsellan, en opinión do goberno vigués, que Navia teña instituto propio, pois vai contar con habitantes equivalentes a un dos grandes municipios galegos, polo que “parece razoable” a construción dun instituto, argumentou o alcalde.