O alcalde pide ao novo goberno de Feijóo un cambio de actitude con Vigo

Abel Caballero anunciou este luns o envío dunha carta coas cuestións pendentes da Xunta coa cidade, un escrito con máis de corenta puntos en boa parte coincidentes co remitido hai un ano. O rexedor, que asegurou que Núñez Feijóo “equivocouse seriamente” nos últimos anos, tendeulle a man e recordoulle que “en todo o que propuxo en positivo en Vigo, sempre me tivo do seu lado”.
Publicado por o día 07/09/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde pide ao novo goberno de Feijóo un cambio de actitude con Vigo

O alcalde indicou que no texto traslada a súa felicitación ao novo goberno autonómico e ao propio Núñez Feijóo pola súa elección como presidente. Na carta lle traslada as “cuestións pendentes” da Xunta de Galicia con Vigo, unha relación de máis de corenta puntos “moi similar” á remitida en agosto de 2019: “transcorrido un ano, practicamente se repite a mesma lista”, valorou Caballero.

Entre os asuntos, Abel Caballero citou o “bloqueo” da candidatura das illas Cíes a Patrimonio Mundial da Humanidade, o recurso xudicial que paralizou a Área Metropolitana de Vigo, a normativa que obriga ao Concello a subvencionar os autobuses dos viaxeiros non censados, as humanizacións das rúas de titularidade autonómica, as “débedas” de política social e Cedro ou as “obstrucións” de actuacións como a das ramplas mecánicas da Gran Vía.

En declaracións en rolda de prensa, o alcalde vigués cifrou en preto de 2.000 millóns á “débeda de investimento” da Xunta de Galicia con Vigo desde que a preside Núñez Feijóo, e invitoulle a facer a lectura do voto de Vigo nas últimas eleccións xerais, municipais e tamén nas autonómicas.

“Non é bo para Galicia a equivocación de Feijóo en contra da cidade de Vigo”, aseverou Abel Caballero, quen afirmou que ata o de agora o presidente “equivocouse seriamente” coa cidade. O alcalde volveu “tender a man” ao presidente para que “cambie a actitude” da Xunta de Galicia coa cidade: “O señor Feijóo ten a palabra”, engadiu o alcalde, e recordou que “en todo o que propuxo en positivo en Vigo, sempre me tivo do seu lado”.

Descarga aquí a carta

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.