Abel Caballero valorou a “extraordinaria e importante recuperación deste espazo histórico, unha xoia arquitectónica” que se atopaba “en estado lamentable”. A obra, promovida por Concello e Deputación, é “unha mostra máis do que podemos facer xuntos”, anotou o alcalde, quen agradeceu a colaboración da presidenta provincial e engadiu que a “ambición” para o futuro é poder empregar a finca como sede de obras de teatro ou concertos.
En rolda de prensa, o alcalde indicou que a intervención busca preservar o patrimonio e recuperar a identidade da vila, a través da consolidación das ruínas e rehabilitación de estrutura e interiores. Coa obra, as administracións dirixidas por Caballero e Silva dotarán de accesibilidade á finca, a través dunha pasarela con varanda que cruzan o patio interior. O proxecto inclúe bancos e iluminación pensada para realzar a vila, que podería estar rehabilitada para o mes de febreiro.
Vila Solita é un edificio de estilo indiano de finais do século XIX, que, unha vez recuperado por Concello e Deputación, operará como espazo de desenvolvemento cultural, museístico, teatral e turístico.
Noticias de última hora en Vigo