O alcalde reclama á Xunta o IES de Navia e máis vivenda en Vigo para atender a demanda

O alcalde esixe ao goberno autonómico que faga o instituto e lémbralle que se trata da zona de Galicia con maior poboación xove e que o Concello pon o terreo a disposición da Xunta. “Feijóo anunciou hoxe algo que vai tardar anos en facerse, pero cando leve gobernando 16 anos non terá feita ningunha vivenda en Navia”, sinalou.
Publicado por o día 17/11/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde reclama á Xunta o IES de Navia e máis vivenda en Vigo para atender a demanda

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reclamou este martes ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que se comprometa a construír o Instituto de Educación Secundaria que reclaman os veciños do barrio de Navia. Aproveitando a visita do mandatario ao PAU, o rexedor lémbralle que se trata da zona de Galicia con maior poboación xove e que o Concello pon a disposición do Goberno galego os terreos necesarios.

“Non dixo o máis importante que tiña que dicir, que sería construír un instituto en Navia, porque é a zona de Galicia con máis poboación xove, e toda a dotación foi construída polo Concello”, sinalou antes de mencionar as instalacións deportivas, a escola infantil, zonas verdes e culturais.

Caballero tamén apuntou que existe unha gran demanda de vivenda de protección, por riba das 5.000 persoas inscritas. “Feijóo anunciou hoxe algo que vai tardar anos en facerse, e así, cando leve gobernando 16 anos non terá feita ningunha vivenda en Navia”, sinalou.

Río Lagares

Respecto da visita da conselleira Ethel Vázquez o pasado luns, o alcalde indicou que a Xunta non conta que as expropiacións correrían a conta do Concello, cunha cifra superior aos 2 millóns de euros, e que depende da aprobación do Plan Xeral. “O 1,2 millóns que din é unha cifra ridícula para o que se necesita na zona, o único certo é que o Concello vai investir 120.000 euros en limpar o Lagares, a Xunta cero euros”, indicou.

Caballero asegurou que o Goberno autonómico non quere aprobar o plan especial para o Lagares porque suporía que a propia Xunta asumira os gastos. “No documento que temos os investimentos dos que fala a Xunta redúcense a 600.000 euros”, engadiu.

Apertura do tráfico en Ronda de Don Bosco

Por outra banda, o alcalde informou que desde este luns está aberto un carril ao tráfico na rúa Ronda de Don Bosco, entre Blein Budiño e Velázquez Moreno, para axiliar a circulación durante os traballos de humanización da zona.

Comentar noticia

Your email address will not be published.