O alcalde reúnese coa delegada da Xunta en Vigo

Abel Caballero e Marta Fernández-Tapias mantiveron este martes a súa primeira xuntanza “nun ambiente cordial” no que o rexedor lle pediu á delegada “que defenda a cidade” e que “será benvido todo aquilo que poida facer por Vigo”.
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O alcalde reúnese coa delegada da Xunta en Vigo

Na reunión participou a tenente de alcalde María Xosé Caride, porque segundo explicou o rexedor, xestiona os ámbitos relativos ao goberno autonómico e con ela será a “relación máis inmediata”.

No transcurso da entrevista, Caballero pediulle “expresamente” a Marta Fernández-Tapias que “defenda a cidade, que non sexa delegada para defender á Xunta e á súa falta de actuación en Vigo, que se poña do lado da cidade” para reclamar as demandas viguesas.

O alcalde censurou a falta de resposta do presidente da Xunta á carta remitida despois da súa última elección na que expoñía “os 35 puntos fundamentais para esta cidade” polo que mantén que “non vou ter ningunha reunión co presidente en tanto non dea mostras de que vai cambiar a súa actitude coa cidade”, que é a de “recadar recursos e aplicalos noutros lugares sen atender as necesidades de Vigo”.

Sector hostaleiro

O rexedor reiterou este martes en rolda de prensa que Vigo “acepta o modelo Valencia” de axudas á hostalería no que as comunidades autónomas, as deputacións e os concellos achegan recursos que tramitan as corporacións locais. Caballero espera que “a Xunta dedique os recursos que debe, algo similar a 25 millóns de euros a Vigo”, polo que agarda a declaración das cantidades asignadas á cidade e a súa transferencia para complementalas coas da Deputación, seguindo o “modelo Valencia, por min, repito, mañá”.