O alcalde sinala o Torneo Concello de Vigo de pádel como “o mellor de Galicia” pola gran participación

Abel Caballero presentou hoxe a sexta edición do Trofeo Concello de Vigo de pádel, organizado do 30 de xuño ao 8 de xullo polo Club Pádel Barreiro nas instalacións municipais de Máis que Auga de Barreiro e de Navia co patrocinio municipal e de Celtamotor.
Publicado por o día 26/06/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde sinala o Torneo Concello de Vigo de pádel como “o mellor de Galicia” pola gran participación

Acompañado polo edil de Deportes, Manel Fernández, polo director de Operacións de Máis que Auga, Francisco Cortegoso, Javier Fernández (Celtamotor) e Antonio Amaro, presidente do club de pádel, o rexedor non dubidou en cualificar o evento como “o mellor trofeo que hai en Galicia, non hai outro igual”.

Con 200 parellas xa inscritas e á espera do peche final de inscricións, Caballero explicou que “unha parte moi importante dos participantes son mulleres”. Hai vinte e dúas categorías en xogo, dende as de formación aos veteranos pasando por federados, e o evento poñerase en xogo en catorce pistas. Ningún outro torneo dispón de tal número.

Caballero definiu ao pádel como “o deporte emerxente”, e subliñou que “unha parte moi importante” do seu éxito “é a socialización a través do pádel”.

Amaro, presidente do club organizador, apuntou que “cada vez marcha mellor” e que “o Concello facilita absolutamente todo”. Tanto el como o representante do patrocinador, Celtamotor, habitual tamén no apoio a outras actividades deportivas en Vigo, desexaron “que sexa un éxito”.

Cortegoso lembrou que a concesión municipal de Barreiro data de 2010 e que dende ese mesmo ano “apostamos por este deporte. Vemos que cada vez segue crecendo e chegamos a adultos, a nenos, a principiantes e a xente que ten certo nivel”. Os centros MQA seguirán con esta aposta, tendo en conta que en cada un deles dan clase a uns 250 alumnos de todas as idades.

A organización estima que o torneo, masculino, feminino e mixto, comezará cuns 500 xogadores.