O alcalde sinala que o acordo FEMP-Goberno non obriga a ninguén a usar os remanentes

Abel Caballero sostén que o uso de remanentes contemplado no acordo é o único sistema legal para utilizar estes recursos sen incorrer en déficit dentro da Lei de Estabilidade Orzamentaria: “o que teña outra alternativa legal, que a poña sobre a mesa”, dixo. Ademais dos remanentes, o acordo prevé 5.000 millóns de euros a fondo perdido, o uso do superávit, un fondo de ata 400 millóns para transporte, participación nos Fondos UE e opcións de apoio ás Entidades Locais con dificultades financeiras
Publicado por o día 11/08/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde sinala que o acordo FEMP-Goberno non obriga a ninguén a usar os remanentes

O acordo económico subscrito entre a FEMP e o Goberno “é un bo acordo” e “non obriga a ninguén”, asegurou esta mañá Caballero que insistiu en que “permite optar” entre o sistema de remanentes, o de uso do superávit ou combinar ambas as fórmulas: “o acordo é extraordinariamente respectuoso coa autonomía municipal”.

“Nós non podemos gastar os nosos remanentes porque a Lei Orgánica de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira prohíbeo, prevé intervir aos Gobernos Locais que incorran en déficit, e se gastásemos os remanentes, como non son ingresos, teriamos déficit”. Por iso, desde o Goberno propúxose unha fórmula: “que entreguemos os nosos remanentes e devolveránnolos a modo de transferencia para que os podamos gastar”. Os recursos entregaríanse en decembro de 2021 “e o 1 de xaneiro de 2022 xa recibiriamos a primeira transferencia”. “Ata entón, recibiriamos os 5.000 millóns de euros que dá o Goberno de España”. Como mínimo, dixo, recibiríase un 135% do achegado.

“A característica central, subliñou, é que o Goberno Central achega 5.000 millóns a fondo perdido e sen devolución. Achégaos a partir do mes de setembro e hai que gastalos en 15 meses, en 2020 e 2021”. Trátase, engadiu, dunha cifra que imos recibir os concellos “para ser utilizada inmediatamente no benestar da cidadanía” e sen ter que devolvela.

Ademais, puntualizou, este sistema é o único proposto por Facenda e os avogados do Estado para utilizar os remanentes dentro da legalidade, e sinalou que “o que teña outra alternativa legal para usar estes recursos, que a poña na mesa”. E insistiu en que utilizar este sistema de remanentes, “non é obrigatorio”, está ao dispor dos Gobernos Locais que o queiran elixir: “os que non queiran, están habilitados para utilizar o superávit de 2019 ou, mesmo, a combinar os dous sistemas”. “Cada concello decidirá que fórmula resúltalle máis vantaxosa. O que crea que non debe entregar os remanentes, que non os entregue. Non se obriga a ninguén”.

Outros contidos do acordo

Caballero lembrou que o acordo contempla un fondo de ata 400 millóns para cubrir o déficit xerado nos servizos de transporte durante o estado de alarma e prevé a participación dos municipios nos fondos europeos, que son 72.000 millóns de euros para España “e os Concellos imos ser suxeito de desenvolvemento de fondos europeos”.

Adicionalmente, o texto sinala que non se exercita a regra de gasto no ano 2020; que se manterán as entregas a conta do ano 2020 “coma se non houbese caída de ingresos”; que os gobernos locais recibirán a liquidación de 2018, que é de 600 millóns; e que haberá un tratamento especial para os concellos en difícil situación financeira ou para aqueles que non teñan remanentes, mediante apoios desde as deputacións a fondo perdido e en créditos, renegociación dos créditos do Estado e liquidez desde o Estado.

Abel Caballero criticou as limitacións impostas pola Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira, “que non nos deixou gastar os nosos remanentes de 2012, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018 e 2019, e que nos obrigou a telos nos bancos, sen poder utilizalos”. Así, chamou a atención sobre o feito de que o acordo subscrito recolle todas as demandas formuladas na Comisión de Reconstrución do Congreso e vai máis aló “co fondo de 5.000 millóns de euros, o fondo de transporte, as medidas sobre liquidación e entregas a conta ou medidas específicas para Gobernos Locais con dificultades financeiras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.