O alcalde subliña a importancia dos centros tecnolóxicos no proceso de reconstrución económica

Abel Caballero segue traballando no proceso de reconstrución económica da cidade e hoxe mantivo un encontro cos responsables de seis centros tecnolóxicos de Vigo cos que coincidiu na demanda de reter o talento dos 1.600 empregados que traballan nestes institutos. Remarcou a súa importancia nestes momentos dado que son a parte máis dinámica e con máis capacidade de atopar novos espazos no actual contexto económico.
Publicado por o día 03/06/2020 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde subliña a importancia dos centros tecnolóxicos no proceso de reconstrución económica

O alcalde mantivo esta mañá un encontro de reconstrución económica cos responsables do CTAG, de Grandiant, de Energylab, de AIMEN, de Anfaco-Cecopesca e de ATIGA, todos eles centros tecnolóxicos de “altísima” tecnoloxía que compiten cos mellores do mundo. Logo dunha reunión da “máxima importancia”, Caballero avanzou que trasladará na súa comparecencia na Comisión de Reconstrución do Parlamento a senda que pola que queren avanzar estes institutos. O primeiro gran obxectivo que lle trasladaron foi a necesidade de reter o talento dos 1.600 empregados de alto valor engadido que traballan nestes centros, ademais de solicitar o apoio de fondos europeos de I+D que virán nos seguintes procesos de reconstrución económica en Europa. Neste encontro virtual tamén estivo presente o delegado da Zona Franca, David Regades, que lles avanzou o seu apoio a través dunha posible participación no capital destes centros.

Caballero comprometeuse a trasladar estas cuestións ao titular de Ciencia e Innovación, Pedro Duque, para fomentar a relación entre estes centros e o Ministerio. Rematou enfatizando a súa importancia porque “son a parte a máis avanzada e dinámica da reconstrución económica, con maior capacidade de atopar novos espazos xa que a nova economía está moi vencellada á nova tecnoloxía, a que se produce aquí”, dixo. Na posterior rolda de prensa o alcalde referiuse, así mesmo, aos proxectos de investigación cos que está involucrado o Concello como o relacionado coa condución autónoma.