O alcalde traslada o seu apoio aos traballadores e usuarios de POVISA

Logo de reunirse este xoves co comité de empresa do centro hospitalario, Abel Caballero ofreceu o seu respaldo aos 1.420 traballadores e 140.000 usuarios asignados ao centro hospitalario, que temen polo seu emprego e a súa asistencia sanitaria pola “indesexable presión” da Xunta de Galicia. O alcalde reclama á Xunta solución a un “insuficiente” concerto con POVISA: “non voume quedar de brazos cruzados”.
Publicado por o día 04/10/2018 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde traslada o seu apoio aos traballadores e usuarios de POVISA

Pacientes e traballadores, expuxo Caballero, ven “en risco” a súa asistencia sanitaria e o seu posto de traballo pola “indesexable presión” da Xunta de Galicia ao hospital vigués, en preconcurso de acredores, con preto de 140.000 cartillas da área de Vigo asignadas.

O alcalde apuntou que a Xunta de Galicia debe “reinterpretar o concerto asinado con POVISA e rehabilitalo, porque xera un déficit estrutural”. O acordo é “insuficiente” e presiona “á baixa” ao centro hospitalario “para o aforro da Xunta de Galicia”.

Abel Caballero indicou que o modelo de atención sanitaria en Vigo está baseado en “dous hospitais privados”, en referencia ao Álvaro Cunqueiro e a POVISA. “Pode gustar ou non”, engadiu, “pero é o que hai, e ten que ser dotado de recursos pola Xunta”. “Podo apoiar” un modelo integramente público, explicou o rexedor, “pero o modelo actual é con POVISA e polo tanto non é posible cambialo seguramente nin en quince anos”. E mentres tanto, a Xunta de Galicia “ofrece precariedade para a atención sanitaria de Vigo”, cunha interpretación á baixa do concerto.

O alcalde urxiu ao conselleiro de Sanidade a reunirse “inmediatamente” co comité de empresa para que “lles explique o que está pasando”, unha “presión” a POVISA “por razóns que todos sabemos” que “está a danar” aos usuarios e os traballadores do centro.