O alcalde volve reclamar á Xunta outra parcela para aparcamento gratuíto no Cunqueiro

Abel Caballero anunciou este luns o envío dun escrito ao presidente Núñez Feijóo solicitándolle a cesión ou venda de solo para que o Concello constrúa un segundo estacionamento de balde nas inmediacións do novo hospital. No caso de que o terreo fose necesario no futuro para ampliar o Cunqueiro, Vigo devolveríao sen custe nun prazo de tres meses.
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

O alcalde volve reclamar á Xunta outra parcela para aparcamento gratuíto no Cunqueiro

Abel Caballero anunciou este luns o envío dun escrito ao presidente Núñez Feijóo solicitándolle a cesión ou venda de solo para que o Concello constrúa un segundo estacionamento de balde nas inmediacións do novo hospital. No caso de que o terreo fose necesario no futuro para ampliar o Cunqueiro, Vigo devolveríao sen custe nun prazo de tres meses.

“Volvo reclamar á Xunta que venda ao Concello o solo diante do hospital para construír un segundo aparcamento público gratuíto”, manifestou Caballero, en referencia a un terreo próximo á Avenida Clara Campoamor, que albergaría outras 400 prazas “para que ninguén que vaia ao Álvaro Cunqueiro teña que pagar o aparcamento”.

O alcalde manifestou que a Xunta debería ceder o solo, tal e como o Concello fixo co terreo do centro de saúde que se constrúe en Bouzas, mais o goberno ofreceuse a pagar tanto polo solo como pola obra de apertura dun estacionamento de vehículos. Caballero denunciou a “obriga á xente que está enferma no hospital a pagar o aparcamento” e anunciou o envío dunha carta ofertando a compra do espazo.

En rolda de prensa, o primeiro edil asegurou que o Concello devolvería o terreo sen custo e en tres meses se a Xunta precisa deste para unha eventual ampliación do hospital, aínda que Caballero considerou que “non haberá ningunha ampliación antes de quince anos”. Concluíu o rexedor que a Xunta “quere que a xente de Vigo pague o aparcamento para pagarlle ao fondo de investimento francés, que é o dono deste hospital”.