O almanaque solidario “amanecer 2020” recada 13.000 euros

As coordinadoras do almanaque fixeron entrega da recadación á Asociación de Doantes de Órganos de Vigo, ADROVI, e á Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea, ASOTRAME
Publicado por o día 02/03/2020 na sección de Galicia,Sanidad,Vigo

O almanaque solidario “amanecer 2020” recada 13.000 euros

A venta do calendario solidario “Amanecer 2020” obtivo unha recadación de 13.000 euros en tres meses, segundo as cifras que facilitaron as coordinadoras do proxecto durante o acto de entrega da recadación as dúas asociacións de pacientes coas que se comprometeron cando puxeron á venta o almanaque, a de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo, ADROVI, e a Asociación Galega de Trasplantados de Médula Ósea, ASOTRAME.

Ao acto de entrega das doazóns asistiron o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña, algunhas das protagonistas das fotografías do calendario e representantes das dúas asociacións agasalladas nesta ocasión. A doazón para ADROVI foi recollida polo seu presidente, Celso García, e a de ASOTRAME tamén pola súa presidenta, Cristina Piñeiro.

A iniciativa dos calendarios solidarios “Amanecer” xurdiu no ano 2017, a cargo dun grupo de profesionais do servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, coordinado polas técnicas de coidados auxiliares de enfermaría (TCAEs) Carmen Pellitero e Montse Álvarez. Nesta edición, ademais da enfermaría, participaron 26 traballadoras e traballadores de diferentes categorías profesionais, celadores, azafatas, persoal de seguridade así como o facultativo e xefe de servizo de HADO, Luis Amador. Este ano contaron tamén coa participación de catro actores galegos, Carlos Blanco, Antonio Durán “Morris”, Mon Santiso e Covadonga Bernardiñas.

1.000 euros máis que o pasado ano

As coordinadoras do calendario mostráronse moi satisfeitas cos resultados acadados nesta terceira edición, “mil euros máis que no pasado ano”, sinalou Carmen Pellitero, quen agradeceu a solidariedade e xenerosidade de todos os que participaron este proxecto, ben comprando o almanaque, ou colaborando na súa elaboración, “e de xeito moi especial destacar ao fotógrafo e artista Anxo Barral, que fixo posible este calendario, e de Luis Cortés, un dos seus principais impulsores”-