O alumnado asiático participante na iniciativa Campus Spain remata a súa formación en español

Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa son os seus países de orixe
Publicado por o día 17/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O alumnado asiático participante na iniciativa Campus Spain remata a súa formación en español

O alumnado asiático que este curso académico chegou á Universidade de Vigo ao abeiro do programa Campus Spain, unha iniciativa que naceu en 2017 para promocionar España como destino educativo e guiar a estudantes internacionais interesados en completar os seus estudos neste país, rematou este venres a súa formación. Fíxoo coa realización no campus de Vigo do exame final para acadar o diploma de español de nivel B1 ou preferiblemente B2.

Este alumnado chegou en dúas quendas diferentes á Universidade de Vigo para realizar un curso de español no seu Centro de Linguas. Por unha banda, 18 deles chegaron o pasado mes de outubro procedentes de Malaisia, India, Indonesia, Xordania e Camboxa, co obxectivo de facer un curso de dez meses de duración. O segundo grupo, formado por unha vintena de estudantes procedentes maioritariamente de Malaisia pero tamén de India e Indonesia, incorporouse ao campus de Vigo o pasado mes de xaneiro para realizar un curso intensivo de español que se prolongou ata agora.

Ao longo destes meses, as e os case 40 estudantes actualizaron e melloraron os seus coñecementos de español, primeiro de xeito presencial e trala declaración da pandemia do coronavirus de xeito virtual, co obxectivo de que o vindeiro curso académico poidan continuar os seus estudos superiores nalgunha universidade española. Ademais, mentres foi posible antes da chegada da covid-19, o seu programa formativo no Centro de Linguas complementouse cun programa de actividades deseñado especialmente para que as e os estudantes estranxeiros puidesen tamén coñecer de primeira man a cultura galega e que contou con actividades como excursións e concertos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.