O alumnado comeza, lentamente, o regreso aos campus seis meses despois do inicio da pandemia

A Universidade dotou a todos os centros das medidas sanitarias necesarias para garantir a seguridade
Publicado por o día 07/09/2020 na sección de Galicia,Educación,Universidade de Vigo,Vigo

O alumnado comeza, lentamente, o regreso aos campus seis meses despois do inicio da pandemia

Se ben o inicio do período académico non está previsto ata o vindeiro día 21, desde este luns xa hai alumnas e alumnos que, medio ano despois do inicio da crise sanitaria provocada pola covid-19, volveron presencialmente aos campus. Non é un regreso masivo, nin moito menos, pero a actividade xa comezou a notarse en algúns centros co regreso de estudantes de todos os cursos, agás de 1º, que volven para realizar actividades docentes, de acollida, de fin de carreira ou prácticas. Regresan a unha Universidade diferente da que deixaron en marzo e coas escolas e facultades dotadas de todas as medidas sanitarias e cívicas necesarias para garantir unha convivencia segura e responsable.

Nun curso no que haberá titulacións nas que toda a docencia será presencial e outras con docencia mixta e no que están previstas medidas para o caso de que toda a docencia teña que pasar a ser en liña, a realización de actividades antes do inicio do período académico, concretamente desde hoxe ata o vindeiro venres 18, foi solicitada desde as facultades de Ciencias, Dereito, Ciencias da Educación e a Escola de Enxeñaría Informática no campus de Ourense; a EE Forestal en Pontevedra e as facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Bioloxía, Ciencias do Mar e Química e as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Telecomunicación e Enxeñería Industrial no de Vigo.

O alumnado ten agora que asistir ás diferentes actividades con máscara, limpar as mans ao entrar e gardar as distancias de seguridade cando pasen pola porta e en todo o percorrido polo centro, centros nos que poden consultar todas as indicacións, tanto en carteis fixos como nas pantallas de televisión normalmente situadas na entrada. Para facilitar esta nova realidade colocáronse múltiples dispensadores de xel hidroalcólico e  están marcados no chan os vieiros para circular, evitando así cruzarse con persoas que veñen no sentido contrario. Tamén hai  novas instrucións para empregar os aseos, os servizos de cafetería e a recomendación de non comer nin en corredores nin nas aulas.

Reparto de máscaras entre todo o alumnado a partir do día 21

Nunha carta enviada xa a pasada semana a todo o alumnado da UVigo, a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, explicoulles aos estudantes as diferentes medidas que deben coñecer e respectar na súa volta ás aulas. No referente ás medidas de autoprotección, a vicerreitora anunciou que se lle entregará a cada estudante unha máscara lavable reutilizable co logo da Universidade de Vigo que deberá utilizarse coas adecuadas medidas de hixiene.

Ademais de lembrarlles que non deben acudir aos seus centros se teñen algún síntoma asociado coa covid-19, recoméndaselle que antes de iniciar o curso se informen ben de cal é o seu médico e centro sanitario. Por outra parte, desde o equipo de goberno fan tamén fincapé en que se prepararon dúas actividades formativas pensadas específicamente para eles: unha sobre o sistema de videoconferencia que se vai empregar no Campus Integra, a contorna que permite conxugar as clases presenciais e as transmitidas a través do Campus Remoto ou xemelgo Dixital da UVigo; e outra sobre o funcionamento básico da nova plataforma de teledocencia, MooVi.

Códigos QR nas aulas

Entre as principais medidas de actuación nos centros destaca a dotación de códigos QR nas aulas, actuación que desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade estiman estará lista para o inicio oficial das clases o vindeiro día 21. A idea é que cada aula teña o seu propio código identificativo e que cada estudante ou docente que entre cargue a fila e o asento no que está sentado o que permitirá, no caso de precisarse, rastrexar con facilidade a todas as persoas usuarias. Ademais disto, cada clase vai ter marcados os asentos que poden empregar para garantir a distancia de metro e medio e a recomendación é empregar sempre o mesmo asento. No caso das prácticas de informática, as aulas están preparadas para que cada posto estea individualizado con anteparo transparente e cada alumnos deberá, antes de empregar o ordenador, colocar un film plástico  encima do teclado e do rato que botará ao lixo unha vez finalizada a clase nas papeleiras con tapa situadas para tal efecto.

As aulas desinfectaranse ao inicio de cada xornada e, caso de que o alumno ou alumna entre nunha clase que estivese previamente ocupada terá ao seu dispor papel desbotable con desinfectante á súa disposición.

No caso das prácticas de laboratorio, ademais da máscara, o docente porá ao dispor do alumno/a un protector facial, ambos de uso obrigatorio se o profesor considera que polos productos utilizados ou pola materia tratada é necesario.

Que facer ante a aparición dun caso diagnosticado de covid-19?

Nas recomendacións enviadas pola vicerreitoría ao alumnado, infórmaselles tamén de que tras a aparición dun caso diagnosticado de covid-19 deben seguir as recomendacións da Xefatura Territorial de Sanidade. Neste senso, se algún alumno é diagnosticado positivo por PCR ou tivo  contacto estreito, deberá comunicalo por correo electrónico o máis axiña posible ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Universidade (sprl@uvigo.gal) e a persoa responsable da covid do seu centro. A partir da diagnose seguiranse as instrucións dadas pola Consellería de Sanidade e pola autoridade sanitaria e o comité de expertos/as da covid da Universidade de Vigo, quen en función do número de contaxios, poderán ordenar o peche dunha ou de varias aulas, dun grao, mestrado ou dun centro educativo na súa totalidade.