O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ás súas posibilidades laborais na Armada

A actividade enmárcase na Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

O alumnado de Dirección e Xestión Pública achégase ás súas posibilidades laborais na Armada

Dar a coñecer as funcións, os requisitos de acceso e ás características do corpo de intendencia na Armada foi o propósito central do coloquio que, no marco das actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que a Universidade de Vigo desenvolve coa Escola Naval Militar de Marín, achegou este luns á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ao comandante e docente deste centro Jesús Mariño. Nun coloquio con estudantes de Dirección e Xestión Pública, promovido polo profesor Francisco López Corrales, Mariño afondou nas características do corpo do que forma parte, “os xestores dentro da Armada”, que, sinalou, “parece feito para esta titulación”, así como das características da oposición que permite o acceso a este.

Por outra banda, ademais deste coloquio, CCSS e da Comunicación tamén acolleu este luns unha visita de Sonia Sánchez, da Rede Galega de Dinamización Xuvenil da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, dirixida a informar ao alumnado de programas como a liña de axudas para o financiamento de proxectos Iniciativa Xove, o programa de prácticas laborais Galeuropa e de iniciativas como o voluntariado europeo ou Correspondentes Xuvenís.