O alumnado de ESO, FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos galegos co programa EduTecEmprende

A Consellería de Educación ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para esta iniciativa ata o vindeiro 18 de febreiro

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de lanzar o novo programa EduTecEmprende, a través do que alumnado de FP e Bacharelato poderá visitar empresas e centros tecnolóxicos da nosa comunidade. O obxectivo desta iniciativa, que se enmarca no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo (Eduemprende), é motivar e sensibilizar os estudantes de diferentes niveis educativos no espírito emprendedor a través do coñecemento da realidade empresarial e tecnolóxica da súa contorna, así como a promover a súa achega ás áreas STEM.

As empresas e centros tecnolóxicos colaboradores, que os estudantes visitarán en función do curso no que estean, serán os concesionarios de automoción Pérez Rumbao, a Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo, as centrais de enerxía de NATURGY, as instalacións de Aluminios Cortizo (Padrón), o centro tecnolóxico de ANFACO-CECOPESCA (Pontevedra), o de AIMEN (O Porriño), o Centro de Innovación e Servizos da Tecnoloxía e o Deseño (Ferrol), e as empresas GRADIANT (Vigo) e ENERGYLAB (Vigo).

Durante as visitas, as alumnas e alumnos terá a oportunidade de entrar en contacto con novas técnicas de produción, tecnoloxías intelixentes no seo da industria 4.0 e diversas profesións, a través das experiencias dos traballadores e das traballadoras, e coñecer o funcionamento dun centro tecnolóxico.

Previamente á visita, o centro traballará a actividade propia da empresa ou do centro tecnolóxico que se lle asigne, así como a súa implicación no sector produtivo correspondente, incorporando as actitudes e os valores propios do emprendemento.

Rematado o programa, o profesorado coordinador enviará unha memoria, na que se recolla o traballo realizado e as conclusións das persoas participantes. O labor realizado polo profesorado coordinador deste programa será recoñecido pola Administración como actividade de innovación educativa, cunha equivalencia de 12 horas de formación permanente do profesorado.

Solicitudes e financiamento

O programa vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO, bacharelato e formación profesional e poderán solicitalo os centros educativos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de febreiro de 2020. Os detalles da convocatoria poden consultarse na convocatoria no Portal de FP.

Os centros recibirán unha achega económica para o desenvolvemento do programa, que deberá ser específica para cada empresa ou centro tecnolóxico solicitado, ata un máximo de 300€. Cada centro poderá enviar unha única solicitude, na que poderá demandar máis dunha visita, coa orde de prioridade.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM