O Alumnado de Publicidade e Relacións Públicas alza a voz contra a reapertura da mina de Touro

Empregan as redes sociais para denunciar e concienciar sobre “danos irreparables e irreversibles”
Por o 05/12/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
O Alumnado de Publicidade e Relacións Públicas alza a voz contra a reapertura da mina de Touro

A polémica sobre a reapertura da mina de cobre chega tamén ao campus de Pontevedra, onde un grupo de estudantes do grao en Publicidade e RRPP vén de poñer en marcha unha campaña en redes sociais denominada Estoupan a nosa terra, que nace dun traballo académico para a materia Comunicación solidaria. Explican que a súa finalidade é informar e concienciar, principalmente entre o alumnado do campus de Pontevedra, sobre a problemática que está acontecendo nos concellos de Touro e O Pino. En concreto advirten dos danos irreparables e irreversibles que suporía a reapertura da mina, xa que se xerarían millóns de residuos químicos que, dun modo ou doutro, afectarían aos fogares próximos e ao medioambiente e implicarían a perda de postos de traballo no sector gandeiro e marisqueo, así como o turismo relacionado co Camiño de Santiago.

A campaña apoiase principalmente no emprego das redes sociais como Twitter, Facebook e Instagram. Nesta última plataforma levouse a cabo durante o día 29 de novembro unha mobilización que consistía en compartir nas historias de Instagram unha fotografía co texto ‘Eu non quero a mina de Touro’ e o hashtag #Estoupananosaterra. Segundo explican os propios estudantes, esta iniciativa acadou unha gran participación, de xeito que o obxectivo de concienciación sobre a problemática efectuouse con éxito. Ademais, a campaña estudantil conta co apoio das plataformas e colectivos veciñais das zonas afectadas en contra da reapertura da mina, o que supón unha maior repercusión e visibilización das publicacións nas redes sociais.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.